O Sorriso de Daniel denuncia o “desgoberno do noso patrimonio” á vista en Sarria e Monterrei

A Asociación O Sorriso de Daniel reclama a través dun comunicado unha xestión “democrática” e denuncia o “desgoberno” do noso patrimonio. A desinformación por parte das institucións e a mobilización cidadá nos casos de Sarria e Monterrei son os exemplos. 

Castelo de Monterrei
photo_camera Castelo de Monterrei

En Sarria, alén da tala de amieiros que está a defender a veciñanza coa súa loita, as obras destruirán un arco románico dunha das pontes máis relevantes do Camiño de Santiago. “Non se informa nin dos obxectivos, nin do plan de traballo, nin do orzamento, nin do mantemento”, denuncian no Sorriso de Daniel dunha situación parella á que se dá nas obras do Castelo de Monterrei, do que a Consellaría anunciou o obxectivo de converter na nova sede do Parador coas obras xa comezadas. 

O manifesto do Sorriso apunta a que se Sarria fose Dinamarca ou se Monterrei pertencese á Auvernia francesa nada tería acontecido desta maneira. “As asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas da Vila terían recibido hai meses un extenso informe co plan das obras e terían sido convocadas para debater as emendas que propuxesen ao mesmo”, apuntan,diante da ameaza de destrución dunha ponte de oitocentos anos ademais dos amieiros ou mesmo da situación na que queda o Castelo de Monterrei en canto a accesibilidade ou a ausencia de catas arqueolóxicas previas ás obras. 

A creación da Plataforma polo Río e en Monterrei mais  Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei poñen de relevo, ao seu ver,  “que hai unha cidadanía capaz, valente, honesta e preocupada polo seu patrimonio e disposta a pelexar pola herdanza dos seus fillos”. Reclaman, polo tanto, o fin dos silencios administrativos e a xestión democrática do patrimonio, unha demanda que pon á vista a través destes dous exemplos mais que se “están dando en paralelo neste momento pero igual situación se reproduce por toda a xeografía e con administracións diferentes”.

Comentarios