Arte Contemporánea

Sorpresa e escepticismo ante a apertura das novas sedes do CGAC

O sector da arte acolle con sorpresa e escepticismo os anuncios das delegacións do Centro Galego de Arte Contemporánea en Vigo e Lugo. Sen responder ás demandas do eido, a iniciativa é contemplada como unha manobra electoral.
CGAC,_Santiago_de_Compostela_Cropped
photo_camera CGAC

O anuncio da apertura de dúas delegacións do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Lugo e Vigo colleu por sorpresa ao sector na Galiza, que recibe a nova cunha mestura de estupor e escepticismo. O profesor de Historia da Arte Miguel Anxo Rodríguez apunta que parte da sorpresa procede de que "non había unha demanda. Semella que a institución tomou a decisión pola súa conta". Así mesmo, a noticia resulta especialmente chocante considerando a perda de orzamento que o centro vén experimentando na última década.

Javier Pérez Buxán, director da Fundación Laxeiro, considera "positivo activar espazos novos para a cultura", expectante á agarda de como van funcionar. Xosé Buxán, decano de Belas Artes de Pontevedra, valora positivamente a apertura de subsedes, como acontece noutros organismos, sempre e cando "non sexan correas de transmisión" nin xeren "duplicidades". A artista e docente Xisela Franco observa o anuncio como "esperanzador en principio, mentres se deixe traballar ás institucións con independencia e se coloque a profesionais na dirección".

A crítica de arte Natalia Poncela tamén manifesta a súa "perplexidade e asombro". Nomeadamente porque "se anuncia dentro de plans estratéxicos turísticos e económicos e no contexto da futura Lei de Museos, que pretende potenciar a autonomía e a coordinación entre centros". Porén, pregúntase "como serán esas previsións de autonomía cando nos últimos tempos o CGAC —agora baixo esta vontade política de disgregación e meteorización en sedes—, que debe ser centro de arte e produción de coñecemento, está interiorizando unha absoluta recentralización e falta de independencia administrativa?".

Entanse a impor "parámetros desde o Goberno que non responden ás necesidades da institución", teme Rodríguez.

Rodríguez tamén se refire de maneira crítica á "falta de autonomía do centro", coa sensación de que se están a impor "parámetros desde o Goberno que non responden ás necesidades da institución". Para o profesor a medida "peca de entrar na lóxica de cantos máis mellor".

Perda de independencia

O CGAC afrontou en 2018 un importante cambio de normativa co Decreto 163/2018, que alterou o establecido no anterior decreto vixente, o 326/1996. A principal modificación que convela é a disolución do Padroado do Centro, que fica substituído por un Consello Asesor. Ademais, dálle un maior peso á xerencia, que, "como órgano administrativo con nivel orgánico de xefatura de servizo, dependerá directamente da persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e proverase por persoal funcionario".

A isto súmase a transformación da figura de dirección do centro, que pasa a ser un funcionario que "dependerá directamente da persoa titular da dirección xeral competente en políticas culturais, e terá un nivel orgánico equiparable a unha subdirección xeral", segundo establece o decreto no seu artigo 10. Así, destaca Poncela que serán "dúas figuras relacionadas coa Consellería as que manexen o rumbo do CGAC", quedando totalmente descartada a posibilidade de que, baixo esta normativa, nun presente próximo vexamos "a posibilidade de convocar un concurso internacional a dirección do CGAC", que en anos anteriores era un posto de libre elección.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios