Sons Miúdos, o maior espectáculo infantil en galego, en Vigo

Será o sábado 2 de xaneiro no Auditorio Mar de Vigo e incluirá a Mamá Cabra, María Fumaça, A Nena e o Grilo, Paco Nogueiras, Pablo Díaz e Xoán Curiel. 

Sons Miudos 3
photo_camera Sons Miúdos

“Sons Miúdos”, o espectáculo máis grande da música infantil galega, chega a Vigo o 2 de xaneiro, conducido polos actores teatrais Montse Piñón e Pepablo Patiño. A función reunirá enriba do escenario a Mamá Cabra, María Fumaça, Paco Nogueiras, A Nena e o Grilo, Pablo Díaz e Xoán Curiel

Trátase dunha montaxe que xa foi posta en escena o pasado outubro en Santiago de Compostela e que, logo do rotundo éxito acadado na capital galega daquela, con cheo total de aforo no Auditorio de Galicia, viaxa agora ao concello olívico co mesmo propósito: facer gozar a nenos e maiores nunha cita sen igual que reunirá enriba do escenario aos máis importantes músicos e cantantes do panorama actual infantil galego. 

Uxía de María Fumaça, Magín Blanco de A Nena e o Grilo, Paco Nogueiras de Brinca Vai!, Gloria de Mamá Cabra, Xoán Curiel de Estamos no verán e Pablo Díaz de Tic-Tac 
protagonizarán este concerto infantil no que durante hora e media música e teatro van da man. Ademais, todo será presentado por Montse Piñón e Pepablo Patiño de Ghazafelhos e acompañado polos instrumentistas do Cuarteto dos Sons Miúdos: Javier Constenla, Brais das Hortas, Carlos Freire e Pablo Vidal. 

A cita en Vigo, organizada polo propio Concello de Vigo en colaboración coa distribuidora de propostas culturais para a infancia e a xuventude Urdime, será o sábado 2 de xaneiro, ás 18 horas, no Auditorio Mar de Vigo. 

Este espectáculo quere facer evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil a través deste espectáculo que consegue aos máis importantes músicos e cantantes dos
grupos galegos infantís. Durante a función, os actores van fiando unha narración de xeito teatral que percorre a historia da música galega infantil dos últimos 15 anos a medida que se van tocando unha lista de cancións escollidas entre o repertorio dos e das cantantes
colaboradores e tocada e cantada directamente polos seus verdadeiros protagonistas.

Comentarios