sábado 23/01/21
Música

Sons de Breogán: "A música galega está nun proceso de cambio"

Sons de Breogán é unha plataforma de difusión da música en galego, con tenda online incluída, que acaba de abrir un crowdfunding. Detrás dela atópase Daniel Fiaño, que debulla o proxecto para Nós Diario, confesando a idea de que máis adiante rematen por se constituír en asociación cultural. 
Imaxe promocional do crowdfunding de Sons de Breogán no Rec Fest (A Coruña, 2019)
Imaxe promocional do crowdfunding de Sons de Breogán no Rec Fest (A Coruña, 2019)

Sons de Breogán naceu como un traballo de fin de grao. Como evolucionou?

Xurdiu dunha idea de dúas estudantes de Comunicación Audiovisual que querían facer algo diferente. Como ambas apoiamos a música galega, lanzámonos con Sons de Breogán. Nun principio comezamos con varios programas de radio online, para os que contamos coa colaboración de Cuac FM, nos que faciamos un repaso da actualidade musical, comentabamos a axenda, tiñamos un espazo para música de fóra da Galiza...

O principal contido era unha entrevista, para a que contamos con grupos como Ezetaerre ou Trapallada. Estes podcasts estaban acompañados na web de entrevistas audiovisuais a grupos como Dakidarria, Samarúas ou Skandalo Gz, para as que visitamos o festival Ourenrock, o Elviña Sons e os locais de ensaio da Coruña. Outros contidos da web eran artigos sobre novas ou recomendacións de eventos, a axenda e unha base de datos de grupos e artistas.

Tamén organizamos unha festa no CSO A Insumisa con concertos de Ezetaerre, Ponxa Intenso e Samu Acaracán. Tras a defensa do traballo, unha das promotoras deixou o proxecto e, despois dun descanso, redefiniuse como iniciativa de autoemprego. Comezamos a prestar servizos ao sector, desde audiovisual a merchandising. Con todo, continuamos igualmente a dar difusión á música galega e comezamos a realizar eventos.

Cales son as principais liñas de traballo?

A difusión da música galega, que queremos potenciar con máis artigos —e quen sabe se voltando aos nosos inicios na radio. Para isto gustaríanos contar cunha redactora contratada, á que destinaremos a maior parte do recadado na campaña de micromecenado que temos aberta. Outras liñas son a nosa tenda online, que potenciaremos con novidades, a prestación de servizos e a realización de eventos.

Como o festival que están a organizar na Malatesta?

Si, será o vindeiro 13 de marzo na Sala Malatesta de Compostela e contaremos con Rebeliom do Inframundo, Cuarta Xusta e Samu Acaracán e Os Tintafemia. Esperamos poder dar unha sorpresa incorporando algunha artista máis.

Como describirían a actualidade da música galega?

Como todo o panorama musical, o galego está nun proceso de cambio e adaptación. Temos por seguro que isto non vai deixar de lado os ideais da música galega, de loita pola cultura e pola igualdade, con referentes coma Sés, Nao (aínda que se despedisen) e outras bandas ou artistas que levan menos tempo, como Pauliña ou Grilo.

Sons de Breogán: "A música galega está nun proceso de cambio"
comentarios