O branco é a cor do novo disco de Sondeseu, tamén da vestimenta dos seus máis de cincuenta músicos e músicas na imaxe coa que a orquestra promociona a súa cuarta gravación, un traballo no que se recollen temas tradicionais arranxados e outros de compositores vinculados á agrupación como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz ou Rodrigo Romaní.
“A música de Sondeseu é branca no seu cerne, quere ser forte nevarada e provocar sorriso, movemento, danza de folerpas enchendo o ar de líquida felicidade”, sinalan na presentación do novo CD que edita Fol Música/Boa Música e conta coa produción artística de Rodrigo Romaní.
O tema tradicional con arranxos de Rodrigo Romaní, “Folerpas e Danzas brancas” abre un traballo que recolle outros temas de orixe popular como Insua, O Rillachavos, xotas de Cortellas, pasodobre das Anduriñas ou O Mandil, con arranxos de Quico Comesaña, de Berrogüetto. A trikitixa de Kepa Junkera é o fío condutor das rumbas de Marcial e Barciademera. O disco inclúe dous temas de nova creación, o “Sil Lenzo” de Anxo Pintos, canción realizada para SondeSeu sobre un poema que ten o río Sil como protagonista e “Rosa Desvairada” de Rodrigo Romaní, inspirada nun texto do poemario “Luz de mediodía” de Ramiro Fonte.
Sondeseu é a primeira orquestra folk de Europa e naceu en Vigo en 2001, vencellada á entón Escola de Artes e Oficios e hoxe Escola Municipal de Música Fok e Tradicional de Vigo. Está organizada en diversas seccións que teñen como coordinadores a Rodrigo Romaní para arpa, Anxo Pintos en zanfona, Alfonso Franco en canto, Xavier Feijóo en bouzouqui e requinta, Xosé Liz en gaita e percusión e Xaquín Xesteira como coordinador de produción. “Mar de Vigo”, “Trastempo” e “Barlovento” son os seus anteriores traballos discográficos.