Revalorizar o patrimonio

O son dos órganos toma Compostela

O ciclo De Lugares e Órganos comeza este 20 de agosto na capital da Galiza.
Peza da exposición de fotografía de edicións anteriores do ciclo.
photo_camera Peza da exposición de fotografía de edicións anteriores do ciclo.

No medio da polémica pola cancelación de concertos dependentes da Xunta, o ciclo De Lugares e Órganos comeza hoxe a súa quinta edición, enchendo de música Compostela até 1 de setembro. O evento tivo que ser adiado no mes de abril por mor do confinamento, pero recupera o formato orixinal a expensas dos cambios que a evolución da pandemia poida ir impoñendo.

De Lugares e Órganos ofrece unha programación de música para órgano que naceu hai cinco anos coa intención de valorizar o rico patrimonio organístico da cidade de Santiago e visibilizalo a través de actuacións musicais de calidade e, ao tempo, de toda unha batería de actividades de corte didáctico e de mediación cos públicos.

Todas as propostas do ciclo teñen a característica de que son producións creadas en exclusiva ou adaptadas ás particularidades dos órganos das igrexas de Compostela, co que se consegue crear un concepto único para ser interpretado nos órganos da cidade.

Nesta edición prevense nove citas entre concertos, espazos de conversa e música ao vivo, e a gravación do programa de divulgación científica da Radio Galega Efervesciencia que, desta volta, estará íntegramente dedicado ao mundo do órgano.

O programa conta con artistas convidados de primeira liña no campo da música para órgano ou do mundo da música antiga e tamén con artistas locais, como Xoán-Xil López. Este presenta a cuarta feira a estrea dunha creación musical específica para o órgano da Igrexa da Universidade, Orgascape, que consta tamén dunha instalación sonora, programa que será interpretado por un dos máis reputados organistas e unha autoridade en materia de órgano ibérico, Andrés Cea.

O Concerto das Donas, liderado pola violinista María José Pámpano, presenta o domingo 23 unha escolma de música barroca composta por mulleres. A semana seguinte, o domingo 30, estaba prevista a actuación do Van Eyck Project con Tríptico, no que se levaba a cabo unha recreación da música presente na obra pictórica do mestre Jan Van Eyck, a través do políptico de Gante. O concerto tivo que ser readaptado debido ás restriccións impostas por determinados países para viaxar ao Estado español, polo que será finalmente interpretado a só polo organista Brett Leighton, mais conservando o cerne do concepto orixinal.

O día 1 clausura o evento Tasto Solo, con música medieval na que os protagonistas serán o órgano portativo e a voz da man de Guillermo Pérez e Ann K. Olsen. Como nas anteriores edicións, a programación musical compleméntase con outro tipo de actividades paralelas, entre as que destaca, por exemplo, unha charla sobre a arte organeira e o oficio da organaría que terá lugar hoxe no Museo do Pobo Galego, facendo a apertura do festival, cun grande experto na materia e unha persoa que participou moi activamente na restauración dalgúns dos órganos da cidade de Compostela: Óscar Laguna.

Haberá, ademais, dúas Matinés 20', un novo formato de 20 minutos de música que se deixará escoitar moi perto dos órganos no coro alto de dúas igrexas, San Miguel dos Agros e a Igrexa das Ánimas. A isto súmase un encontro con Guillermo Pérez, con música ao vivo no establecemento enocultural Vide, Vide!. A colaboración cos locais comerciais da cidade inclúe ao tempo unha exposición fotográfica en diferentes espazos que, nesta ocasión, posúe unha marcada presenza feminina, con fotografías de mulleres organistas que foron pasando polas diferentes edicións do festival.

Comentarios