Do 18 ao 20 de xuño no Monte do Gozo

O Son do Camiño: homes como cabezas nun cartel sen apenas presenza do galego

O Monte do Gozo, en Compostela, acollerá do 18 ao 20 de xuño a terceira edición de O Son do Camiño, festival organizado pola Xunta de Galiza. Nesta ocasión, todos os cabezas de cartel son homes e a lingua galega fica reducida a tan só tres artistas.
EuropaPress_2695098_presentacion_cartel_festival_son_do_camino
photo_camera Presentación da terceira edición de O Son do Camiño.

Máis un ano, o festival O Son do Camiño, que organiza a Xunta de Galiza entre 18 e o 20 de xuño, aposta en músicas e músicos de fóra da Galiza no seu cartel "máis ecléctico", no que os cabezas son todo homes. A música en galego terá presenza con Guadi Galego, Budiño e Boyanka Kostova.

Ademais, no Monte do Gozo soarán, entre outros, Liam Gallagher, The Chemical Brothers, Jason Derulo, The National, Bad Bunny ou Daddy Yankee. Tamén Editors, Foals, DJ Snake, Armin Van Buuren, Timmy Trumpet, Natos e Waor. Tamén Xoel López, Furious Monkey House, Triángulo de Amor Bizarro, Presumido, Escuchando Elefantes, Cora Velasco, The Killer Barbies, Sen Senra, Carolina Durante, Kase.O, Miss Cafeína, Tigre y Diamante, Les Castizos ou Lola Índigo.

A organización informou en rolda de prensa esta sexta feira do incremento do aforo, cuxos abonos, a un prezo de 59 euros, poranse á venda a próxima terza feira, día 10, ás 14 horas. Destacou que acudirán ao Monte do Gozo músicas que foron cabezas de cartel en festivais internacionais como Coachella e LollaPalooza e que suman até 12 premios Grammy.

Ademais, pon de manifesto que o 88% dos artistas chega a esta cita presentando os seus novos traballos, o que fai de O Son do Camiño un evento “ligado ao panorama musical máis actual”.

Outra das novidades, alén da ampliación do aforo das 97.000 prazas ás 120.000, é un recinto de aloxamento xestionado por Carrís Hoteis. Incorporarase, ademais, un novo escenario, até tres, e unha área de restauración e cámping con capacidade para 4.000 persoas.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, defendeu que O Son do Camiño, “é algo máis que un festival”, xa que “engarza con valores do camiño como lugar de encontro e lugar de convivencia para todos os públicos”.

A sombra da sospeita de irregularidades xa paira sobre este festival desde a  presentación da súa primeira edición. O PSdeG  presentou unha iniciativa no Parlamento galego para esixir á Xunta explicacións pola concesión "a dedo" do contrato de 3 millóns de euros para organizar o festival. Os socialistas acusan a Xunta dun "basto subterfuxio para vestir de legalidade o que son prácticas escuras" para, di, "garantir a exclusividade das empresas".

Comentarios