O Son do Camiño abre as súas portas precedido de críticas á transparencia do seu concurso

O festival para o que a Xunta de Galicia destinou 3 millóns de euros é xestionado por unha unión temporal de empresas onde destaca a mesma que organiza o Resurrection Fest

O Monte do Gozo, lugar onde terá lugar o festival O Son do Camiño
photo_camera O Monte do Gozo, lugar onde terá lugar o festival.

Segundo os datos facilitados pola organización e a propia venda de entradas, esta fin de semana o Monte do Gozo acollerá máis de 30.000 persoas, e 10% destes asistentes proceden de 16 países distintos. O Son do Camiño inicia esta quinta feira tres días de festival nos que contará con dous escenarios, trinta e seis bandas en cartel e máis de dez horas de música por xornada. Un macro evento non exento de críticas.

Desde a AGPXC –Asociación Galega de Profesión da Xestión Cultural– ven “excesiva” esta inversión publica de 3 millóns de euros para un “macro evento de artistas maioritariamente foráneos mentres que para todos os festivais galegos xuntos non se adica nin medio millón”. A isto engaden a contratación do festival, que xerou dúbidas sobre a súa legalidade e falta de transparencia, feito xa denunciado pola asociación e empresas musicais de Galicia AGEM e a deputada do PSdeG, Concepción Burgo.

“É un contrato a dedo”, sinalara Burgo en declaracións a Sermos Galiza. A política socialista explicara que a concesión de tres millóns de euros á unión temporal de empresas que xestiona o festival trátase dun “contrato de patrocinio por procedemento negociado sen publicidade”. “A Xunta di que é un patrocinio, porque estas empresas teñen a exclusividade dunha marca, O Son do Camiño. Porén, descubrimos que solicitaron esa marca no rexistro en xuño de 2017 e concedéronlla en novembro. Poucos meses antes unha destas empresas entrevistouse con Feijóo. Piden a marca, conseguen o rexistro e, dous meses despois, teñen tres millóns de euros. Houbo unha vontade de dar a estas empresas o festival”, conclúe a deputada.

Un amplo despregamento loxístico

Mentres, os campistas xa acomodan as súas tendas na zona de campismo habilitada para o festival, cuxo recinto está programado para abrir a partires das 15:30 horas da tarde. Cun amplo dispositivo loxístico, a organización do festival dispuxo de autocarros lanzaderas cada 15 minutos desde a rúa do Hórreo –fronte á estación de comboios– e en San Lázaro, onde tamén existe unha zona de estacionamento para as persoas asistentes ao evento.

Durante o Son do Camiño, a capital de Galiza será escenario de artistas e bandas de sona internacional como Lenny Kravitz, Franz Ferdinand, The Killers, Residente, Mando Diao ou Two Door Cinema Club. Tamén haberá espazo para a música galega, que contará con representación a través de Bala, Agoraphobia, Malandrómeda, Novedades Carminha, Toundra, Terbutalina, Eladio y los Seres Queridos e Triángulo de Amor Bizarro.

Comentarios