Cultura

O Son do Camiño, Resurrection, Zas, Sinsal e Portamérica, adiados

As edicións de 2020 destes festivais ficarán para 2021
Resurrection Fest.
photo_camera Resurrection Fest.

O Son do Camiño, o Resurection Fest e o Festival Portamérica, tres das citas que congregan máis persoas na Galiza, así como o Festival da Carballeira de Zas e o Sinsal, comunicaron onte a súa decisión de suspenderen as edicións de 2020 e adiar en eventos até o verán de 2021.

Tres eventos masivos

A decisión prodúcese tras semanas de incerteza para as persoas que mercaran billetes, a raíz das limitacións creadas polo estado de alarma e a falta de "instrucións concretas por parte do Goberno estatal" sobre a posibilidade de realizar este tipo de eventos multitudinarios. A través das súas redes, O Son do Camiño confirmou o aprazamento da terceira edición, que transcorrería entre os días 18 e 20 de xuño no Monte do Gozo (Compostela). Considerando o plan de desconfinamento, a organización argumenta que non sería posíbel realizar un evento coma este antes do 22 de xuño, polo que decidiron cancelar as datas deste ano. Coa vista posta xa en 2021, traballan na "reprogramación" do cartaz, axendado para 17, 18 e 19 de xuño de 2021. As persoas con entrada poderán devolvela ou conservala.

O Resurection Fest (Viveiro) tamén comunicou onte o aprazamento do XV aniversario do festival para 2021. "Consideramos que é a única decisión posíbel, a única acertada e correcta, e que prioriza a saúde", declaran. As novas datas estarán entre 30 de xuño e 3 de xullo do vindeiro ano. Na mesma liña, o Portamérica, previsto de 2 a 4 de xullo en Caldas de Reis ficará adiado aos primeiros días dese mesmo mes en 2021. Tanto este como o Resurrection ofrecen a posibilidade de devolver os billetes ou conservalos, coa confirmación da maior parte das artistas.

Da carballeira ao arquipélago

Sumouse a estes o Festival da Carballeira de Zas, cuxa 37 edición se ía realizar o 31 de xullo e o 1 de agosto de 2020. " Foi unha decisión moi difícil de tomar, pero facémolo desde a responsabilidade con todos os participantes e veciños", afirman. As novas datas son 6 e 7 de agosto de 2021. 

Igualmente, comunicou o seu aprazamento o festival Sinsal, que se ía celebrar no arquipélago formado polas Illas de San Simón e San Antón do 24 ao 26 de xullo. A 11ª edición do festival ficará para 2021.

Comentarios