“Somos xente honrada” imponse nos Mestre Mateo máis reivindicativos

“Non é un sector estratéxico, é un sector que se está estragando”, dixo Miguel de Lira ao recoller o premio ao mellor actor por “Somos xente honrada”, un dos seis galardóns que convertería o filme dirixido por Alejandro Marzoa no triunfador da noite dos Mestre Mateo. A  reivindicación dun cambio de rumbo nas políticas para o audiovisual tamén se impuxo na gala. 

Foto: Moncho Fuentes
photo_camera Foto: Moncho Fuentes

“Levaime”, pediu finalmente a actriz Isabel Risco que non daba parado no seu reivindicativo discurso, un dos momentos máis ovacionados da noite co auditorio do Palexco en pé. Recollía o premio á mellor actriz de reparto por “Era Visto” e aproveitou para, nunha enérxica intervención, soltar algunhas das frases máis aplaudidas da gala. A que se consideraba unha Scarlett Johansson  “pero en caldeirada”, pensou por un momento mandar fundir o busto do Mestre Mateo que lle entregaba para “quen en Navantia haxa traballo”. “Producimos a esgalla e somos pobres e iso non ten xeito”, dixo a actriz que demandou “máis produción audiovisual galega, feita aquí, na nosa lingua. Non lle restamos ao mundo senón que lle sumamos a hostia!”. Aínda tivo tempo de facer un alegato pola sanidade e saúde pública e a noite íalle dar unha nova oportunidade ao volveu subir canda o equipo de “Era Visto” a recoller o premio á mellor serie, momento que aproveitou para anunciar que ía a Londres a acompañar unha amiga “facer unha ilegalidade”. Risco conseguiu converterse en “trending topic” na rede twitter despois da súa intervención. 

"Non lle restamos ao mundo senón que lle sumamos a hostia!” dixo unha "trending topic" Isabel Risco

Rexeitar un premio 

Desde o Prestige, a da noite do sábado foi a gala máis reivindicativa das artes escénicas. Foron moitas as ocasións nas que se reclamou atención para un sector que atravesa unha difícil situación desde o escenario do Palexco da Coruña. Non se lembraba tampouco o rexeitamento dun premio como aconteceu nesta XII gala dos Mestre Mateo. Fíxoo María Liaño, que, sen asistir á gala, mandou un texto no que anunciaba que non collería o premio á mellor dirección de produción. “Os que merecen o premio son os traballadores do audiovisual galego que tentan manterse en condicións difíciles”, dicía o comunicado. 

“A horadez presúmese, non se premia. A corrupción presúmese, non se castiga”, dixo Miguel de Lira ao recoller un dos premios da triunfadora da noite, a película “Somos xente honrada” que se faría cons premios á mellor longametraxe para Vaca Films e El Terrat, dirección para Alejandro Marzoa, mellor guión para Miguel Ángel Blanca e Alejandro Marzoa ,interpretación masculina de reparto para Ricardo de Barreiro e maquillaxe e perruquería para Susana Veira e Erea Pérez. “Se algo temos para exportar é talento e o talento non se pode recortar”, dixo de Lira noutra das frases memorábeis da gala. 

Contra o IVE que está a mermar o sector e por unha lei de mecenado que non chega pronunciouse o presidente da Academia do Audiovisual, Antonio Mourelos no inicio dun discurso no que lembraría aos “compañeiros e compañeiras que seguen sen cobrar o pouco traballo que lle ofrecen” e lanzaría, desde unha TVG que retransmitía a gala en directo, a esixencia duns medios públicos, honestos e profesionais. Encargaríase tamén Mourelos de entregar o premio de honra da Academia a Manolo González, a quen se lle recoñecía, de maneira especial, o seu papel como fundador e primeiro director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e as súas “políticas audaces” desde a Axencia Galega do Audiovisual. “Construamos sobre os alicerces dos que nos precederon”, dixo González, en alusión ao desmantelamento das iniciativas que logo se desmantelaron ao tempo que recoñeceu unha “incríbel xeración” de directores que “falan de ti a ti” co resto do mundo, liña que o premiado apoiara desde as innovadoras axudas ao talento. Ademais da homenaxe a Manolo González, a noite do audiovisual lembrou a Xosé Manuel Olveira, Pico, que fora presidente da Academia e o 25 aniversario do momento inaugural do cinema galego no que se estrearon as longametraxes, Sempre Xonxa, Urxa e Continental.

“Se algo temos para exportar é talento e o talento non se pode recortar”, defendeu Miguel de Lira

Máis frases para a antoloxía da noite virían de Mónica Ares ao recoller o premio por “Galegos polo mundo” e desexar que a “a esperanza e non o medo sexan a base do desenvolvemento”, da equipa de Zigzag ao reivindicar pasar á primeira canle porque a cultura interesa ou de Xosé Ramón Gayoso cando abrazou o premio ao mellor comunicador e dedicoullo “ás persoas que non están nesta profesión porque están no paro”. 

“Necesitamos outro ritmo, a revolución non se fai así. Non podemos aguantar este estado de ánimo”, sentenciou Anxo Pintos, en nome de Berrogüetto, ao facerse co premio Mestre Mateo á música orixinal por “Inevitábel. O grupo vén de anunciar a súa disolución por “desánimo”. 


Premios Mestre Mateo 2014

Somos xente honrada
Longametraxe, para Vaca Films e El Terrat
Dirección, para Alejandro Marzoa
Guión, para Miguel Ángel Blanca e Alejandro Marzoa
Interpretación masculina protagonista, para Miguel de Lira
Interpretación masculina de reparto, para Ricardo de Barreiro
Maquillaxe e perruquería, para Susana Veira e Erea Pérez

Encallados
Película para TV, para ZircoZine
Dirección de fotografía, para Alberto Díaz “Bertitxi”
Montaxe, para Adrián Pino

Salgadura
Vestiario,para María Gil e Sonia Segura
Son, para David Machado, Dani Zacarías e Enric Triviño
Dirección de arte, para Marta Villar

Era Visto!
Serie TV,para Producións Zopilote para TVG
Interpretación feminina de reparto, para Isabel Risco

Todos os Santos
Interpretación feminina protagonista, para Isabel Blanco
Dirección de produción, para María Liaño, que renunciou ao premio

Costa da Morte. Mellor Documental, para Zeitun Films

Luar. Comunicador de TV, para José Ramón Gayoso Bonigno

ZigZag Diario. Programa TV, de TVG

Entre pipas. Serie Web, de Cassinello Arias Rizzi

3-1=0. Curtametraxe de imaxe real, de Olga Osorio e Juan Galiñanes en coprodución con Píxel Films 

Aqua, de Algarabía Animación. Curtometraxe de animación

Estrella Galicia Feliz 2013, de Algarabía Animación. Anuncio publicitario

Canto de Sirena, de Piti Sanz, Mellor Videoclip

Inevitable. Música orixinal, para Berrogüeto

Galegos no mundo. Realización, para Mónica Ares, Toño López e Isabel Caamaño

Comentarios