JUSTO BERAMENDI, PRESIDENTE DO PADROADO DO MUSEO DO POBO

“Somos o único museo do mundo no que nin o director nin a subdirectora cobran un euro”

Van case 40 anos da creación do Museo do Pobo, un museo que naceu do galeguismo querendo ser herdeiro do Seminario de Estudos Galegos. Unha institución emblemática e singular, tamén polo seu modelo de xestión. Falamos co presidente do seu Padroado, Justo Beramendi, a conto da campaña de procura de novos socios e socias. 

Justo_Beramendi_(AELG)-4
photo_camera Justo Beramendi [AELG]

- Vides de comezar unha nova campaña para conseguir socios e implicar á sociedade na causa do Museo...
- Si, os socios do Museo, que son mil e pico neste Museo, teñen unha dobre función. Por unha banda, pagan unha pequena cota dun mínimo de 30 euros ao ano, e axudar á financiamento, e sobre todo é o que lle dá ao Museo unha penetración social. É a base que fai que o Museo non sexa unha entidade afastada dese pobo que lle dá nome.

- Porque o Museo do Pobo é un museo privado. Cóntanos como foi a súa creación. 
- O Museo foi creado no ano 76. A primeira iniciativa partiu de tres persoas, nun xantar no Chocolate, o restaurante xa desaparecido de Vilaxoán. 

- Quen eran?
- Eramos Rafael Baltar, presidente da Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos; Carlos García Martínez, que era o bibliotecario [actual director]; e mais eu, que era o xerente. E logo con Manolo Gallego, que se sumou despois, fomos os catro que diriximos un escrito á Xunta de Goberno do Colexio propoñéndolle que tomase a iniciativa neste sentido. Aprobouse esa proposta e a partir de aí comezamos a movernos para crear o Padroado. 

“Desde o seu inicio o Museo quixo ser o herdeiro do Seminario de Estudos Galegos”

- E até hoxe
- Si, non é doado que unha iniciativa deste tipo se consolida, pero ben, tivemos sorte. Agora o Padroado está integrado por un conxunto de persoas físicas e un conxunto de institucións, como a Xunta, o Concello, o Parlamento, as catro deputacións, as tres universidades, outros museos, a Fundación Barrié... As persoas fóronse renovando. Ao comezo eran todos os galeguistas históricos mais ese feixe -que daquela eramos novos- que o promovemos. O Padroado solicitou a cesión de San Domingos de Bonaval como sede do museo, e o Concello -que aínda era franquista- aceptou, fixo a cesión, e empezamos a traballar. Fomos restaurando o edificio, porque estaba feito unha ruína, e fomos facendo o museo. Hoxe o museo ten un financiamento mixto, cunha subvención da Xunta que significa o 60% do seu orzamento total, e o outro 40% é o conxunto do que achegan os patronos, os socios, o pouco que se cobra por entradas, que se comezou a cobrar por mor dos recortes, e houbo un pequeno grupo de empresas que dan unha pequena axuda anual, que chamamos socios protectores e patrocinadores. Con iso temos un orzamento moi limitado, porque para ese pedazo de museo que somos xa, temos un orzamento que non chega aos 500.000 euros ao ano, pero ben, imos tirando, entre outras cousas, porque é o único museo do mundo no que nin o director nin a subdirectora cobran un euro. Por suposto tampouco os que estamos no Padroado. E ese é un pouco o fundamento. Entón a campaña esta, que é reamente unha prolongación doutra coa que xa levamos varios anos, o que pretende é mellorar un pouquiño o financiamento e ampliar esa presenza social do museo porque desde o seu inicio o Museo quixo ser o herdeiro do Seminario de Estudos Galegos, que non fose unha cousa morta, unha colección de obxectos, senón que aparte da colección permanente queremos incidir, ter unha relación viva coa sociedade. E por iso ademais do museo temos o departamento de educación e acción cultural, que agora está montando a MICE, a Mostra de Cine Etnográfico, e temos o Instituto de Estudo das Identidades do Museo, que organiza foros sobre problemas candentes na sociedade. Por exemplo o último que se fixo sobre o problema demográfico hai ano e medio. Ou agora neste ano das Irmandades temos o programa para celebración co Centenario, a exposición ou o Simposio que celebramos en novembro. 

“Non é doado pero estamos aí, imos cumprir 40 anos o ano que vén. Resistimos precisamente por ese apoio social que foi adquirindo o museo”.

- Menos de medio millón de orzamento e cantos traballadores?
- Que cobren? Temos doce. 

- Se non cobran non son traballadores, son voluntarios. :)
- E, agora que falas de voluntarios, a parte diso, o Museo funciona en boa medida grazas a que temos un voluntariado bastante numeroso e activo: socios que están xubilados que axudan na biblioteca e no arquivo, que xa son bastante importantes. Socios que colaboran en organizar actividades. En fin...

- Supoño que non é doado sobrevivir nun entorno cultural no que os museos son maioritariamente públicos e de acceso gratuíto. 
- Non é doado pero estamos aí, imos cumprir 40 anos o ano que vén. Resistimos precisamente por ese apoio social que foi adquirindo o museo.  

- Cantas visitas tedes ao ano? Sodes un dos museos máis visitados de Galiza, non?
- Algún da Coruña é máis visitado que o noso, pero de Santiago somos o segundo despois do da Catedral. O número de visitantes anual varía moito segundo sexa ou non Xacobeo. Vai de 40 a 50.000 nun ano normal a máis de 70.000 nun ano santo. E diso unha grande parte son visitas de centros educativos, que son gratuítas. 

“O Museo quere ter unha incidencia sobre a identidade do país e os problemas básicos do país, e por iso eu creo que esa independencia a respecto dos poderes políticos, ou semiindependencia, é positiva”

- A crise é unha boa escusa para que a cidadanía se decate de que se queremos ter cultura temos que apoiala. 
- Si, a crise para nós implicou unha rebaixa da subvención pública duns 100.000 euros ao ano, e iso obrigounos a espabilar e empezar a cobrar entrada aos turistas, porque aos escolares e aos estudantes non se lles cobra e aos xubilados case nada. A parte diso tamén a buscar estas outras fontes de financiamento complementario na sociedade civil, claro. 

- En Galiza que outros museos teñen un modelo similar ao voso?
- Organizativo? Ningún. Este modelo noso, con todas estas fontes e con este modelo organizativo, creo que é bastante singular.

- Cara que modelo debería ir o Museo e o sector en xeral?
- Ao sector en xeral eu non me atrevo a darlle leccións. En Europa non existe o mecenado cultural marabilloso que hai en Estados Unidos, aquí o conxunto dos museos é un sector público, e polo tanto todo depende das políticas culturais dos gobernos de turno. O desexable é que vaia para arriba. E, sobre o noso, non o sei, porque non o verei, pero a min gustaríame que continuase co modelo actual pero con maior pulo, porque este modelo é independente dos poderes públicos, e como é algo que non se limita a expoñer pezas, senón que quere ter unha incidencia sobre a identidade do país e os problemas básicos do país, e por iso eu creo que esa independencia a respecto dos poderes políticos, ou semiindependencia, é positiva, porque se desaparece esta outra dimensión, proactiva respecto da sociedade, probablemente desaparecería. 

Comentarios