Entrevista

Vigo Industrial: "Somos unha reposta ao abandono do patrimonio"

Uxío Reinoso é o coordinador da web de difusión do patrimonio Vigo Industrial. Este historiador, "arqueólogo industrial" como el mesmo se define, xestiona un proxecto que leva case dous anos en curso e acaba de completar un micromecenado que lle permitirá o mantemento da plataforma durante os vindeiros anos, podendo dedicar máis recursos a outras actividades culturais que tamén organizan.
Fábrica de cerámica de Santa Clara
photo_camera Fábrica de cerámica de Santa Clara (Uxío Reinoso)

Que é Vigo Industrial?

Basicamente é un proxecto de catalogación e difusión do patrimonio industrial da ría de Vigo: Cangas, Moaña, Redondela, Vigo, Valmiñor... O principal é o catálogo web, no que se poden consultar os elementos a través das fichas ou de mapas temáticos. Abarcamos un concepto amplo de patrimonio industrial, que non inclúe só fábricas senón elementos de enxeñaría, pontes, ferrocarril etc. Estamos abertos á participación de todo o mundo. Estes dous primeiros anos funcionaron como esbozo, tamén do que a web podería ser con máis recursos. Pero a idea esencial é catalogar os elementos nesas fichas que recollen aspectos de identificación —como se chama, onde está, época, historia, fotos (antigas e actuais). Hai clasificacións por bloques temáticos, planos antigos ou novos... E logo ten, por exemplo, un apartado de cívica, onde se recolle a situación dos elementos de patrimonio, como se teñen algún tipo de protección. 

Como é proceso cando van agregar un elemento?

De momento, é unha cousa un pouco orgánica, a nivel da información que teño ou do que hai publicado, dependendo do elemento —por exemplo, das conserveiras tende a haber máis información. Vai tamén polo que a xente achega, en casos nos que ten traballado sobre el, sobre todo. Logo inflúen as circunstancias. Unha das próximas agregadas vai ser o cargador do coto Wagner, que agora está un pouco en cuestión, igual que Alfageme. Coas cordelerias MAR aconteceu que, desde que proxectamos facela, cando comezaba a haber rebumbio de que ían botala abaixo, desapareceu. Agora imos incluíla nunha ficha vermella con documentación sobre a fábrica ou un testemuño dun antigo traballador, para deixar constancia do que pasou. Este ano imos cambiar un pouco o proceso, pasando a ser asociación cun modelo asembleario, e igual muda un pouco isto. Porén, sempre seguimos unha metodoloxía.

Falando deses perigos, como valora a cuestión da conservación do patrimonio industrial na zona?

É unha auténtica calamidade. Isto funciona como resposta. Non hai estudos ou programas institucionais. O propio sería primeiro estudar todo, ver a importancia que ten, o estado de conservación no que está e outras circunstancias relacionadas co urbanismo ou coa localidade. Non é que non esteamos actuando sobre o patrimonio industrial, nin sequera nos estamos asomando a el. Por iso nace Vigo Industrial, para coñecer e difundir.

Comentarios