ROBERTO RAMA, MÚSICO DE OS D'ABAIXO

"Somos a envexa de toda Europa, aínda que non se saiba moito"

Esta noite Os d'Abaixo presentan o seu novo disco, o primeiro de estudo, no Música na Noite de Teo. E cun deles, Roberto Rama (ex Fía na Roca), falamos de 'Quixera ser dos paxaros', un disco con once pezas inéditas tiradas dun cancioneiro galego que é "inesgotable". 

osdabaixo
photo_camera Os d'Abaixo: Quim Farinha, Xosé Ramon Vázquez, Roberto Rama, Gom Goás (arriba), Xacobe Varela e Richi Martin (abaixo)

- Mañá presentades en Música na Noite (Teo) o voso primeiro disco de estudo, 'Quixera ser dos paxaros', un traballo fundamentalmente para a festa, non?


- Si, a idea de Os d'Abaixo é esa, tocar temas bailables e festeiros. A diferenza é que neste disco fixemos un traballo de investigación, que no anterior non houbera, que fora un repertorio escollido do que xa había por aí para amenizar os bailes da Gentalha do Pichel, e como grupo funcionou, así que decidimos movernos tamén por fóra. E cando decidimos facer o disco de estudo seguimos con temas bailables, pero é máis tranquilo que o anterior. 

- Xuntástesvos en 2010 e moitos de vós proviñades doutros grupos como Fía na Roca ou Berrogüetto. Como se formou Os d'Abaixo?


- Xusto acababa de parar Fía na Roca, e Xosé [Ramón Vázquez] e máis eu estabamos alí, e Quim [Farinha] estaba en Berrogüetto que logo tamén pechou. A historia de xuntármonos foi un día Gom Goás e máis eu queixándonos de que Xosé nunca viña ás foliadas e dixemos "temos que montar algo para sacalo da casa", así que montamos un pequeno grupete e logo Xacobe [Varela, o vocalista] uniuse, e el faloullo a Quim, eu comenteillo a Richi [Martin], que é amigo meu, que tocou comigo toda a vida na banda de Calo e en Pradairo. Xuntámonos e xa todo cadrou moi ben porque eramos amigos, e empezamos a tocar na Gentalha. A historia funcionou bastante ben e de aí até hoxe. 

Galiza é unha mina -neste caso- de cultura, tanto en temas tradicionais do século XIX e XX, en música medieval e moitas outras historias.

- Que significa ser dos d'Abaixo? Por que ese nome?


- Realmente o nome vén porque na Gentalha do Pichel tocabamos abaixo, e como precisabamos un nome e non nos decidiamos por ningunha, e un día chegou un amigo, Berto, e chamounos Os d'Abaixo. E aí quedou a cousa.

- Como concepto en que vos diferenciades doutras propostas no mundo do folc galego?


- Nós neste disco optamos moito máis polo tema da investigación, gravamos temas inéditos e a música é moi fresca. Non temos nada pregravado nin bases, e iso dálle un toque máis fresco. 

- A escolla dos temas foi se Xosé.


- Si, el fixo o traballo máis gordo da recolleita dos temas. Logo un amigo noso, Xermán, pasounos un tema da súa recolleita e logo Xacobe e Gom tamén achegaron algún. Pero a parte máis importante fíxoa Xosé que andivo por aquí e por acolá pesquisando. E, ao final, a verdade é que conseguimos facer un disco, desde o noso punto de vista, bonito. Claro que iso é cuestión de gustos. 

O cancioneiro galego é totalmente inesgotable, porque hai aínda moitísimas cousas que non se coñecen, por exemplo, as muñeiras do XIX que Xosé atopou na Biblioteca Nacional

- A maioría son temas inéditos e no disco dádeslle moita importancia ás fontes. Citades de onde provén cada peza, algunha de Alan Lomax, outra de Casto Sampedro... 


- O de darlle importancia ás fontes é unha cuestión que é xusta e necesaria, de respecto, porque se non fose por esas fontes que se citan a día de hoxe a música galega non sería o que é. Somos a envexa de toda Europa, aínda que non se saiba moito. Galiza é unha mina -neste caso- de cultura, tanto en temas tradicionais do século XIX e XX, en música medieval e moitas outras historias. E as fontes debería ser obrigatorio citalas. 

- Como foi a escolla?


- Por exemplo, o tema de Alan Lomax tróuxoo Gom, que quedou anestesiado ao escoitar esa espadelada. E o resto foi cousa de Xosé, que andivo buscando na Biblioteca Nacional de Madrid, no Centro de Altos Estudos Científico. Non fomos buscar un tema de Alan Lomax ou de Casto Sampedro, simplemente foron xurdindo. 

En Bretaña, Irlanda e Escocia, non hai unha cantidade de recolleita inesgotable coma a nosa, pero sen embargo a valoración que lle dan ao pouco que teñen é asombrosa

- De todos os xeitos, completades as pezas con achegas propias.


- Todas as pezas teñen un toque de Os d'Abaixo, como en todos os grupos folc, que consiste en coller un tema tradicional e adaptalo cun tempo moderno. Hai moitas partes instrumentais de composición propia e algunha letra, porque se cadra nunha recolleita a letra queda moi curta e completámola. 

- O cancioneiro galego parece unha fonte inesgotable de novos temas. 


- En xeral é totalmente inesgotable, porque hai aínda moitísimas cousas que non se coñecen, por exemplo, as muñeiras do XIX que Xosé atopou na Biblioteca Nacional. Esas muiñeiras levan aí collendo pó desde finais do XIX. Se moves un pouco os fíos ao final acaban aparecendo auténticas xoias. 

Ti vas a calquera festa do patrón que se fai en Galiza e sempre hai orquestras, con todo o meu respecto para as orquestras, non música galega

- Di o poeta Eduard Velasco no limiar do disco que vós cumprides o papel de "soporte que deteña o exterminio". Tan mal estamos?


- [risos] Ben, desde logo, non estamos. Sempre me pareceu curioso que dos Pirineos para arriba, en Bretaña, Irlanda e Escocia, non hai unha cantidade de recolleita inesgotable coma a nosa, pero sen embargo a valoración que lle dan ao pouco que teñen é asombrosa. Hai moitos profesionais que viven de tocar música irlandesa ou escocesa. Pola contra, en Galiza, que é unha auténtica mina de cultura e de recolleitas, porque houbo xente que desde hai máis de cen anos que se dedicou a iso de forma desinteresada. Pero sen embargo logo na proxección social non se ve. Ti vas a calquera festa do patrón que se fai en Galiza e sempre hai orquestras, con todo o meu respecto para as orquestras, non música galega. Non se valora ese tipo de música. No entorno social non se proxecta toda esa cantidade de material. 

- Como vedes o estado das músicas de raíz en Galiza?


- Vémolo bastante ben, aínda que a súa incidencia social non é a que debería. Cremos que está bastante ben porque grazas a todas as asociacións culturais onde se aprende a tocar a gaita, a cantar e a bailar. E logo unha porcentaxe deses milleiros que participan sempre sae xente que se dedica á música, sempre hai ascuas que poden prender o lume. O que si, estaría ter máis apoio das administracións, pero claro, iso non pasa. Pero a xente, non sei ben por que, segue a loitar. A mellor importación que tivemos da emigración galega foron as asociacións culturais. 

Comentarios