Libro colectivo de análise do cinema en galego

Sobre filmar na lingua propia

A foresta e as árbores son oito ensaios de oito autoras diferentes que reflexionan sobre un feito cadora menos inusual: realizar filmes en lingua galega. Porque a foresta e o cinema en galego e as árbores son os filmes en galego. Coordinado pola catedrática e cineasta Margarita Ledo, o volume é o segundo número da colección Pantallas da editorial Galaxia.
 

fotograma de 'Arima', de Jaione Camborda
photo_camera Fotograma de 'Arima', de Jaione Camborda. Imaxe: cedida.

“En A foresta e as árbores adentrámonos na análise dunha mostra representativa de filmes que, en presente, constrúen, balizan e normalizan un ámbito singular da cultura”, escribe Ledo Andión no Prefacio, “producir películas na lingua propia de Galiza”. O tema atravesa de maneira transversal os episodios do libro, escritos por investigadores e profesoras vencelladas á Universidade de Santiago de Compostela.

1557490878-750_d56cbe87-a-foresta-e-as-arbores_web

“Constitúen estes filmes unha marca, un rastro que identificamos e que nos convida a seguir?”, pregúntase a coordinadora da obra. Refírese ás fitas que, maiormente enmarcadas nesa etiqueta laxa e ao tempo útil de Novo Cinema Galego, serven ás autoras para pescudar na relación entre imaxe en movemento e idioma.

Trinta lumes, de Diana Toucedo; Trote, de Xacio Baños; Esquece Monelos, de Ángeles Huerta; Arraianos, de Eloy Enciso; Os días afogados, de César Souto e Luís Avilés; Arima, de Jaione Camborda, Dhogs, de Andrés Goteira; A estación violenta, de Anxos Fazáns, ou Matria, de Álvaro Gago son algúns dos títulos analizados. Recoñecidos dentro e fóra de Galiza, estes filmes non só normalizaron o uso do galego no medio. Tamén discutiron os usos formais e industrias do cinematógrafo.

“O cinema son os seus filmes e os filmes terman dun modo de pensar o cinema fóra ou dentro dunha cultura e en relación coas outras culturas”, resume Margarita Ledo noutro tramo do Prefacio. Deles encárganse María Soliña Barreiro (Filmar o dó), Xosé Nogueira (Filmar o velado), Enrique Castelló (Filmar o traballo), Fernando Redondo (Filmar a ollada), José Luis Castro de Paz (Filmar as pulsións), Antía López (Filmar a pantasma), Marta Pérez Pereiro (Filmar a tribo) e Iván Villarmea (Fóra de campo).

A foresta e as árbores celebra, ao cabo, “a posibilidade dunha cinematografía diversa nas súas propostas estéticas, na proximidade ou no afastamento radical das regras dos xéneros, na concreción dun modo de pensar o cinema que se sente parte dunha tradición”. O primeiro volume de Pantallas foi Marcas na paisaxe, e publicouse en 2018.

Nota: cuberta de A foresta e as árbores.

Comentarios