ATAQUE ESCAMPE PUBLICA NOVO DISCO

"Só queremos suscitar temas, non temos ningunha mensaxe que transmitir"

Ataque Escampe presenta esta sexta feira o seu sexto disco, 'Primeiros bicos', na cidade que os viu medrar desde que se autodefinían como "rock de serie B". Agora, máis maduros, máis sabios e con menos melancolía ás costas, regresan aos escenarios con novos vocalistas, máis optimismo e con ritmos máis bailables. Falamos con Samuel Solleiro. 

ataqueescampe
photo_camera Ataque Escampe son (de esq. a dereita): Samuel Solleiro, Roi Vidal, Lois G. Carlín, Álvaro Trillo e Miguel Mosqueira

- Publicastes novo disco, 'Primeiros bicos', o Día dos Namorados estreando nova formación. É un aviso a navegantes? Ataque Escampe cre agora no amor romántico ou que?
- [risos] Non é que creamos no amor romántico, pero si que nos interesaba explorar esa idea de amor para falar de relacións persoais en xeral. Utilizamos ese imaxinario do amor que quizais está máis no título que noutros sitios. O do Día dos Namorados realmente foi casualidade, pareceunos pertinente sacalo ese día e chamarlle 'Primeiros bicos', coma a serie francesa, que non vai tanto nun sentido romántico senón máis ben nun sentido humano, emocional en sentido máis amplo, que é do fala o disco, de vísceras e de relacións humanas. 

- Nalgún sitio dixestes que este disco ten máis tenrura que outros. 
- Si. Pasa unha cousa: nas nosas relacións persoais entre os membros do grupo somos horribles, non é que nos levemos mal, pero somos como moi maleducados entre nós e moi rudos. Pero só entre nós, logo cada un por separado somos xente encantadora, pero dalgunha maneira con este disco queriamos queriamos exorcizar esta circunstancia. E, por outra banda, viñamos de facer cousas cunha perspectiva moi irónica ou moi sarcástica, pero cada vez nos vemos máis lonxe -supoño que será cousa da idade- desas estratexias. Ao mellor desde un punto de vista estético son interesantes, pero son algo falsos. Son como unha espada de dobre gume. Si que demos ese paso de introducir ese elemento de tenrura. 

- Iso de que vos levades mal é brincadeira?
- Non, falo en serio, pero usei unha expresión seguramente esaxerada. Supoño que pasa en todos os ámbitos de traballo onde hai demasiada confianza. Nós somos un grupo que primeiro nos coñecemos e logo montamos a banda. Levamos moitos anos de convivencia humana entre nós. 

- Dicides que este disco é máis vitalista e bailable, menos nostálxico. Pero eu sigo vendo ese punto melancólico, esa identificación cos perdedores, ese punto 'loser' e antiheroe, que tanto vos gusta e que tamén vos define. 
- Realmente xa desde hai uns cantos discos, temos un certo optimismo, o optimismo de quen ten menos que perder. Cando dicimos o de máis vitalista é unha explicación estrictamente musical. Queriamos facer un disco máis alegre, máis bailable. Eu teño a sensación de que facer baladas, cancións lentas e tristes é máis doado que facer cancións que non o sexan. De todos modos, hai unha certa amargura sempre, melancolía. Calquera cousa humana ten que ter ese compoñente, porque se a alegría fose para sempre non lle chamariamos alegría. Nese sentido no disco hai unha canción, 'Mondariz Balneario', que puxemos ao final porque é a única canción lenta. E despois de manter este discurso antinostálxico, ou polo menos máis que outras veces, logo chega esa canción e tamén desengana un pouco. É unha canción anti-axuda, en contra desa felicidade obrigatoria que ás veces parece que ten que haber e que non pode ser, claro. 

Agora o grupo non ten unha figura de líder, que nunca tivo, nin de 'frontman', senón que hai dúas voces bastante equivalentes.

- Outra das constantes é ese pouso de retranca con respecto ao "sistema". 
- Algo diso hai, pero este disco hai menos que en discos anteriores. Os nosos traballos sempre son bastante alternos. Hainos que teñen un contido político, aínda que nós só queremos suscitar temas, non temos ningunha mensaxe que transmitir, nunca tivemos, pero aínda así, aínda que só sexa como contexto, aparece nun disco para desaparecer no seguinte. O primeiro, 'Galicia es una mierda', tiña bastante, e logo 'A grande evasión' era máis evasivo; logo fixemos 'Violentos anos 10' que volvía ser político, xa doutra maneira; e logo fixemos 'Noites de agosto', que non o era. E o disco vermello volvía ter, desde unha perspectiva múltiple, pero con compoñente bastante política. E este non a ten de forma explícita, pero calquera humano do que fales sempre ten unha lectura política e a política sempre está aí. As cancións menos políticas son políticas, ás veces de dereitas, pero sono. A nós o que nos fode un pouco é que ás veces parece que hai como unha especie de listaxes de temas que se es de esquerdas tes que tratar. Están  os temas clásicos, como Palestina, ou os máis modernos, como desafiuzamentos ou algo así. Pero realmente podes falar sobre moitas cousas e seguir sendo político. A nós gústanos moito esa multiplicidade de temas. A música non se reduce a iso. 

- O que si é máis patente neste traballo é a cuestión xeracional e o paso do tempo. Esa comparanza entre a vosa xeración e os 'millenials'.
- Si, ese tema si que o tiñamos desde o principio moi presente. Estamos no punto de que -falando estrictamente de música- empeza a pasar que moita da música que máis nos gusta está feita por xente que é moito máis nova ca nós. É unha relación de amor-odio, máis de amor que de odio realmente. En xeral o paso do tempo está bastante presente no disco. A idea de adolescencia tamén, de forma sobre todo positiva, pola enerxía, pola emoción, aínda que tamén con algo de melancolía. E despois tamén ocórrese tamén un tema, 'Os santos dos últimos días', onde se fala un pouco máis explicitamente nesa especie de conflicto xeracional. Si que hai unha compoñente de paso do tempo máis explícita que noutros. Pode ser o que vertebre o disco, sempre cunha perspectiva anti-nostálxica. 

Nós estamos moi contentos con que a música se poida dixitalizar. E un grupo coma o noso sen isto se cadra non existiría.

- Este é o voso sexto disco, no que gravades por primeira vez coa vosa nova formación e con novos vocalistas. Como afrontastes este tema? A voz de Alex Charlón era ben característica.
- O noso grupo sempre foi bastante colectivo. E houbo moita flexibilidade: houbo varios cambios, mesmo de instrumentos, e non había problema. Álex díxonos que ía deixar o grupo, ademais avisando con moito tempo, cando gravamos o 'Disco vermello'. E, de feito, hai varias cancións que canta Roi, para ilo introducindo. Os formatos clásicos fan que se se vai o cantante sexa máis doloroso que calquera outro membro, ou máis extraño para o público, e nese momento pensamos varias cousas. Desde deixalo, até buscar outra persoa ou seguir co que había. Neste disco traballamos cun produtor, Julio Vilariño, e a el pareceulle ben que había que tirar co que había. Tiñamos dous membros, Roi Vidal e Miguel Mosqueira, que xa cantaran en discos anteriores de forma secundario e a idea era combinar os dous. E iso foi o que fixemos. Agora o grupo non ten unha figura de líder, que nunca tivo, nin de 'frontman', senón que hai dúas voces bastante equivalentes. Nós quedamos contentos co resultado, aínda que é pronto para dicilo. E creo que demostra que todo o mundo é importante pero ninguén é imprescindible. 

- Asinades a composición das cancións todos. 
- Si, hai xente que achega máis nuns ámbitos e outra noutros. Pero basicamente tanto nas letras como na música é un traballo colectivo. De feito, nunca o asinamos. 

- Neste disco tamén tirades máis cara o sur, en canto a referenzas musicais e a rítmica. 
- Si, tiramos un pouco máis cara ritmos doutras latitudes, coa ollada máis posta en África, Latinoamérica, sur dos Estados Unidos... Tamén é porque podemos facelo, na medida en que temos unha base rítmica bastante solvente. Álvaro Trillo, que é baterista de jazz, e Lois Carlín, o baixista, compleméntanse moi ben e son bastante bos músicos. E desta maneira podemos fuxir do que son os ritmos clásicos do pop ou do indie-pop. Así que moitas veces partimos de ritmos doutros sitios, tampouco queremos copiar estilos. Igual metemos 'soukous', que é un ritmo do Congo, ou un merengue ou un ritmo de Nova Orleans, ou de rumba. Intentamos que o resto dos instrumentos fagan cousas que non sexan das convencións deses estilos, porque se nos poñemos a facer unha rumba o máis probable é que non fagamos unha boa rumba. Pero utilizar elementos doutras músicas si que é interesante e o máis honesto pola nosa parte. Se me puxer a facer unha estatística da música que eu oio, seguramente habería máis salsa ou rap que pop posiblemente. Somos todos bastante eclécticos, e podemos escoitar música de todo o mundo, así que inspirarse só nunha tampouco tiña moito sentido. 

Somos todos bastante eclécticos, e podemos escoitar música de todo o mundo, así que inspirarse só nunha tampouco tiña moito sentido. 

- O voso gusto polo obxecto físico continúa. Desta volta cun vinilo-CD que se rasca e oculta catro portadas distintas. 
- Si, utilizamos o vinilo desta vez, pero non tanto polo discurso de que o vinilo soaba mellor, non é iso. Nós estamos moi contentos con que a música se poida dixitalizar. E un grupo coma o noso sen isto se cadra non existiría. Pero somos se cadra un pouco fetichistas dos obxectos, do mundo táctil. Interésanos que un disco se poida ter na man, que te remita a un obxecto físico. E, aínda que só sexa por tamaño, un vinilo ten máis entidade. E máis se lle pos un elemento como o papel de rascar, con varias portadas diferentes. Iso parécenos máis atractivo que sacar un vinilo nunha caixa de cartón ou un CD, ou poñer simplemente o disco en Internet. O papel-raspa confeso que foi un plan B, aínda que ao final nos gustou máis que o plan A, que iamos facelo con purpurina, pero non foi posible por razóns técnicas. Iso si, non temos unha edición en cd e outra en vinilo, senón unha en vinilo que inclúe dentro un CD. 

- Esta sexta estreádelo en directo con Emilio José na compostelá sala Capitol. Logo haberá xira?
- Si, faremos xira por salas ás principais cidades e vilas con máis tradición musical. E logo no verán faremos festivais e o que saia. Por agora só che podo confirmar, ademais do desta semana, o 3 de marzo no Liceo Mutante de Pontevedra. 

- Seguides apostando por editar con Discos da Máquina, que é un proxecto colectivo e autoxestionado. 
- Si, Discos da Máquina en realidade é unha especie de pantalla de selo. Non ten un funcionamento como os selos clásicos, para ben e para mal. Para ben, porque tes toda a liberdade do mundo. Para mal, porque non é unha entidade económica, ao final é un xeito de autoeditar o disco e que o traballo suxo, o máis aburrido e máis tedioso, como pode ser a distribución, se faga de forma colectiva. 

Comentarios