O 'skate' internacional volve a Vigo co Marisquiño

A elite deste deporte urbano, que se torna filosofía de vida, darase cita na cidade olívica do 8 ao 10 de agosto. 

Máis unha edición de O Marisquiño volve a Vigo. Será os días 8, 9 e 10 de agosto e desta volta congregará a elite do 'skate' mundial pois o tradicional evento será o escenario da World Cup Skateboarding, a competición de skateboarding máis prestixiosa do mundo. 

Así é que Vigo será a décimo primeira proba puntuábel do campionato mundial após darse cita en cidades de todo o mundo como Río de Janeiro (Brasil), Tallin (Estonia), Villiers sur Orge (Francia) e Montreal (Canadá).

Mais a programación do Festival Arnette O'Marisquiño non fica aí. Haberá unha boa mostra do deporte e cultura urbanas que se sumarán á programación de concertos baixo o paraugas do OFF Marisquiño, un festival paralelo que acolle como protagonistas a algúns dos DJ's máis (re)coñecidos do Estado español. 

Todo isto, nun lugar privilexiado e cun espazo de luxo situado á beira do mar no Porto de Vigo. 

Comentarios