“A situación do Arquivo Municipal de Vigo é primitiva”

Unha vintena de personalidades da cultura galega - nomes como Méndez Ferrín, Ledicia Costas, Manuel Bragado, María Xosé Queizán ou Menchu Lamas- asinan un manifesto pola recuperación do Arquivo Municipal de Vigo. O local, situado porta con porta co garaxe da casa do concello, leva máis de quince anos sen unha dirección. Falamos con Xurxo Martínez, un dos promotores desta chamada de atención. 

Casa_do_concello_de_Vigo,_Galiza

A falta de persoal profesional, a escasa clasificación de papeis ciscados en arquivadores, a nula dixitalización do material, a falta de salas de lectura, o ruído dos automóbiles no garaxe ou a inexistencia dunha páxina web son algúns dos problemas que presenta o Arquivo Municipal de Vigo. Xurxo Martínez González, investigador vigués e impulsor do manifesto, lamenta o abandono ao que está sometido o arquivo: “Hai unha deficiencia moi grande de material técnico. Só hai tres meses de traballo no arquivo e como moito entran tres investigadores. Ademais a sala de investigación é insuficiente, só hai dous ordenadores. Non hai persoal técnico, non hai director de arquivo, moita documentación está sen clasificar...son cousas mínimas”, explica.

“No ano 2011 a Unesco asinou un decreto pola Declaración Universal sobre os Arquivos. Os criterios deste decreto están incumpridos constantemente no caso do arquivo de Vigo”

“Non hai nada dixitalizado nin hai un catálogo. Se solicitas información sobre algo, dánche unha caixa e que busques. Non se sabe nin o que hai”, lamenta o investigador. Para o colectivo asinante, o simple lugar onde se localiza “denigra a cultura viguesa”. “Ao situarse á mesma altura que o garaxe, os andeis que dan cara ás paredes que comunican con este, énchense de faluxe”, explica. A situación do Arquivo Municipal de Vigo roza ademais, a ilegalidade. “No ano 2011 a Unesco asinou un decreto pola Declaración Universal sobre os Arquivos. Os criterios deste decreto están incumpridos constantemente no caso do arquivo de Vigo”, explica Xurxo Martínez.

Vinte anos sen director

Para o investigador, a situación é “primitiva”. “O Arquivo leva arredor de vinte anos sen director. Ao non haber ninguén que planifique nin teña un proxecto arquivístico o resultado é que o que é. O lugar onde se atopa xa é un síntoma da desidia e da despreocupación polo arquivo”, laméntase.

En canto á resposta do Concello de Vigo a respeito deste tema, o que reciben é “silencio”. “A declaración dirixímola ó pleno, nin sequera tiñamos vontade de poñer o dedo acusador no goberno de Vigo. Cremos     que é responsabilidade de toda a corporación. Unicamente o grupo Marea deu acuse de recibo e quere levalo ao pleno”, explica.

“Aínda que sexa un desinterese que se repite desde fai anos, a situación do arquivo da boa mostra de cales son as preferencias culturais do goberno de Vigo. Que o futuro director do MARCO de Vigo queira introducir videoxogos nos museos, da boa mostra da xerarquía de intereses culturais que hai na cidade”, reclama.

A declaración a prol das reformas no Arquivo Municipal foi asinada por unha vintena de persoas, todas elas importantes referentes da creación cultural galega. Escritores como Xosé Luis Méndez Ferrín, Ledicia Costas, Franco Grande ou María Xosé Queizán; a artista Menchu Lamas, o editor Manuel Bragado; os profesores e investigadores, Camiño Noia, Gerardo González Martín, Alejandro Alonso, Xosé Carlos López Bernárdez, Xurxo Martínez ou Xoán Carlos Abad, tamén presidente do Instituto de Estudos Vigueses; así como a creadora escénica, Marta Pérez; o director de Normalización da Universidade de vigo, Paulo Cabral; a xornalista María Xosé Porteiro ou Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador 

Comentarios