No ciclo Liberdades Sonoras

O singular folk de Josephine Foster, en Lugo o 23 de marzo

Josephine Foster, estadounidense de 1974, é unha das máis celebradas voces do novo folk. Prolífica -16 discos desde 2000- e aventureira, estará no Vello Cárcere de Lugo o vindeiro 23 de marzo, sábado ás 20.00 horas, dentro do ciclo Liberdades Sonoras.
 

JF-VH
photo_camera Josephine Foster (dereita) co guitarrista Víctor Herrero. Foto: cedida.

O seu último disco, Faithful Fairy Harmony (2018), centrará a actuación dunha artista que, sen medo ao experimento, probou a musicar os poemas de Emily Dickinson, transportou a contextos pop materiais de Brahms ou Schubert, non evitou a electricidade psicodélica nun traballo como Blood Rushing (2012), e explorou o cancioneiro recompilado en Andalucía por García Lorca.

Os promotores do concerto, WOS Festival Son Estrella Galicia, definen a súa música como “folk tenue e íntimo” e comparana coa inglesa Vashti Bunyan, a súa contemporánea tamén estadounidense Julia Holter ou mesmo con Patti Smith. En Lugo acompañarana Víctor Herrero, Rosa Gerhads e Josefin Runsteen.

Liberdades Sonoras terá unha parada previa xusto a semana anterior, sábado 16 de febreiro á mesma hora no mesmo sitio. Sun Araw, nome artístico do californiano Cameron Stallones, amosará a súa particular ollada mestiza. Dub, krautrock e psicodelia fan parte dos ingredientes cos que cociña, en palabras dos organizadores, “a súa aproximación ao culto ao son e ás baixas frecuencias”.

Comentarios