O singular Festival dos Eidos bota a andar no Courel

Poucos son os festivais de poesía que se celebran no rural. Case ningún os que teñen como espazo privilexiado unha casa. O Festival dos Eidos é singular, entre outras cousas, porque cumpre esas dúas condicións.A casa é a de Uxío Novoneyra e o lugar, Parada do Caurel. 

casaparada2
photo_camera casaparada2

Dos días 14 a 16 de Agosto terá lugar o Festival dos Eidos, un singular encontro cultural no Courel, nas terras de Uxío Novoneyra e coa súa casa e a aldea de Parada como eixo central. A casa, que en vida do autor de Os Eidos foi lugar de encontro de poetas, volver ser escenario nos seus distintos espazos dunha iniciativa cultural que ten no convívio, no goce do lugar e na celebración cultural as súas principais trabes. 

O xermolo do proxecto naceu hai tres anos, cando desde a Fundación Uxío Novoneyra se iniciou un programa de actividades de carácter cultural, o único que se desenvolvía no Courel, en principio arredor da Semana das Letras e tamén do 15 de agosto, data central das festas tradicionais das aldeas colindantes e xornada na que máis veciños e veciñas do courel regresan ás casas familiares. 

“Utilizamos o corredor central como curral de teatro e o souto como auditorio”, explica Uxío Novoneyra Rei, promotor dun proxecto que procurou fondos públicos europeos dentro do programa Erasmus+ no que paticipan nunha iniciativa de creación dunha rede de festivais literarios en zonas isoladas en parcería coas fundación Alfonso Gatto de Italia, St. Clementin Litfest da Francia, e a ONG Catching Lives en representación do Festival británico de Canterbury. 

Música, teatro, patrimonio, natureza e, en especial, moita poesía é a oferta do programa do novo Festival dos Eidos que nace con vontade de permanecer como programación estábel do verán caurelán. O souto, a solaina, o corredor, os baixos da casa ou algúns espazos externos como o Bar Os Eidos na Ferrería ou a Estación Biolóxica da USC son os lugares que acollerán as distintas propostas dun programa que ten na casa de Parada o seu centro de actuacións. “Ao igual que naquela imaxe na que aparecen Uxío con Manuel María, Saleta Goi e Roberto Posse na solaina queremos recuperar o convivio literario e cultural que houbo na historia da casa”, explica Uxío Novoneyra Rei. 

O regreso de Carlos Oroza

Con esa mesma idea de facer valer a historia literaria do propio espazo, especial relevancia vai ter o regreso a Parada do poeta Carlos Oroza, que viviu unha década na casa e volve despois de 34 anos. Oroza dará un recital debaixo dos mesmos mazairos que recolleu nunha composición poética. Será un dos protagonistas do ámbito literario do programa canda Antón Lopo, con moita vinculación con Uxío Novoneyra, ou Celia Parra que preparou unha conversa entre o poeta do Courel, María Mariño e ela mesma que se desenvolverá nas portas a escola da coñecida como “dinamiteira da fala”. 

Unha conferencia de Iván Gimeno sobre o micromecenado, outra impartida por Xosé Lois García que, entre outras cousas,  relacionará a obra de Novoneyra con outros poetas do ámbito lusófono, en especial, dos países que padeceron o colonialismo e outra máis de Camilo Valdeorras sobre a dimensión performática do poeta serán os apartados máis formativos do programa que inclúe tamén oferta audiovisual coa proxección nos baixos da casa de “Uxío Novoneyra. Poeta alén” e “Se dice poeta”. Tamén a obra teatral "O asombro" de Fantoches Baj volve de novo á casa de Parada. 

Henrik Rover, Uxía -que prepara un traballo discográfico con poemas de Uxío Novoneyra-, Linho do Cuco, Woyza e Enxeito poñen música ao primeiro festival cultural que se desenvolverá no Courel, que ten solainas como escenarios, soutos como audiotorios e a poesía como protagonista. 

Comentarios