O premio rebautízase en homenaxe a Daniel Domínguez

O sindicato de guionistas publica as tres finalistas do seu galardón

O fin da verdade, A flote e (Os) Anxos son os traballos seleccionados por unanimidade do xurado.
danieldominguez
photo_camera O guionista Daniel Domínguez. (Foto: Escola de Imaxe e Son)

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) deu a coñecer na xornada de hoxe os tres guións finalistas da segunda edición do premio que outorga co apoio da Fundación SXAE (Sociedade Xeral de Autores e Editores) e mais Filmarket Hub.

Co anuncio, o sindicato tamén fixo público que a partir de agora o galardón recibe o nome do guionista Daniel Domínguez,  mestre e fundador da Escola de Imaxe e Son da Coruña, recentemente falecido.

Domínguez traballou como guionista dalgunha das series máis coñecidas da TVG, como Mareas Vivas ou  Terra de Miranda.

As obras finalistas, por unanimidade do xurado, foron O fin da verdade, A flote e (Os) Anxos. A primeira delas presentouse baixo o pseudónimo Victor da Hera, e é responsabilidade de Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras. A flote, presentado baixo o alias de Anselmo Dacosta, foi obra de José Veiga. E a terceira obra seleccionada, (Os) Anxos, foi da autoría de Marcos Méndez, co nome de 'M de Madeiro'.

As tres obras finalistas perciben como galardón unha subscrición de 6 meses ao mercado en liña da plataforma Filmarket Hub. O guión gañador, pola súa parte, levará ademais un premio de 2.500 euros e darase a coñecer o vindeiro 21 de decembro, segunda feira, a través das redes sociais da AGAG. 

O xurado estivo formado polos guionistas Lidia Fraga, Enrique Lojo, Ángel Manzano e Víctor Grande, integrantes todos eles da directiva da AGAG. 

Na súa comunicación, o sindicato quixo lembrar que este II Premio Daniel Domínguez de guión en galego ten como obxectivos potenciar o uso da nosa lingua no ámbito da industria audiovisual da Galiza, promover aqueles autores e aquelas autoras que escriben en galego e axudar a difundir o traballo das profesionais sociais de AGAG.

Comentarios