Un simposio para poñer a punto os estudos sobre as Irmandades

‘Repensando Galiza: as Irmandades da Fala (1916-1931)’ é o simposio que se celebrará no Museo do Pobo Galego do 17 ao 19 de novembro deste ano, que congregará aos principais especialistas na materia e tamén a expertos de Cataluña e Euskadi, que farán unha análise comparativa.

Carné das Irmandades asinado por Vilar Ponte
photo_camera Carné das Irmandades asinado por Vilar Ponte

Este congreso pretende actualizar estudos previos e fornecer un marco de  análise e debate sobre a súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galiza, así como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade socio-política adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español. 

O simposio acollerá oito relatorios de especialistas e tamén 46 comunicacións, ademais dun concerto e unha sesión dedicada á análise comparativa con outros especialistas doutros territorios do Estado: Alejandro Quiroga (España), Jordi Casassas (Cataluña) e Joseba Agirreazkuenaga (Euskadi). 

Os relatorios serán impartidos por Justo Beramendi (Ideoloxías e Programas), Xosé Carlos Garrido (Organización e Acción Política), Laura Tato (Lingua, Literatura e Medios de Comunicación), Manuel Roca (Economía e Sociedade), Pilar García Negro (A cuestión de xénero nas Irmandades), Xosé Manuel González Reboredo (Ciencias), María Victoria Carballo-Calero (Artes Plásticas e Música) e Xosé Estévez (Relacións Exteriores).

Na noite da sexta (19 de novembro) terá lugar no Auditorio de Galicia un concerto “Tres Estampas Galegas”, con texto de Leandro Carré e música de Mauricio Farto, coa participación do Coro Gaos e unha orquestra de vento, ademais dos intérpretes Alba López, M. José Ladra e David G. Piñeiro. 

Comentarios