Decorre até a sexta feira na canle de Youtube do Consello da Cultura

Simposio Culturfil da USC para unha análise das feiras internacionais do libro

Até a sexta feira 12 de marzo, a Universidade de Compostela (USC) realiza, dentro do programa Culturfil, o simposio internacional “Promoción cultural nas feiras internacionais do libro”, que decorrerá na sede virtual do Consello da Cultura (CCG) a través de Youtube.
liber
photo_camera Imaxe de 2019 da Feira Internacional Liber, en Madrid. (Foto: Nós Diario)

Desde a xornada de mañá, e até a sexta feira 12 de marzo, a Universidade de Compostela (USC) realiza, dentro do seu programa Culturfil, o simposio internacional “Promoción cultural nas feiras internacionaisdo libro”, que decorrerá na sede virtual do Consello da Cultura (CCG) a través da súa canle de Youtube.

O encontro reúne especialistas académicos de prestixio internacional que expón diferentes perspectivas relacionadas cos estudos da cultura e, en particular, as feiras internacionais do libro Liber Madrid-Barcelona, Livre Partis, as feiras internacionais do libro de Guadalaxara (México), Bos Aires (Arxentina) e Frankfurter Buchmesse (Alemaña).

O simposio, que se aborda desde a perspectiva dos Estudos da Cultura, da Socioloxía da tradución e da Economía da cultura cun equipo pluridisciplinar, como a socióloga francesa Gisèle Sapiro, o antropólogo arxentino Gustavo Sorá, o filólogo Marco Bosshard ou a especialista en Estudos de Tradución Olga Castro.

Ás 16.15 horas arrinca a primeira das conferencias, a cargo de Gisèle Sapiro, "Os festivais literarios internacionais. Primeiros resultados".

Deseguido, debaterase na mesa redonda, "Parámetros de internacionalización", para a que se contará coa presenza de María Fernández Moya, do Colexio Universitario de Estudos Financeiros (Cunef); da especialista en literatura brasileira Carmen Villarino, da USC; Iolanda Galanes, da Universidade de Vigo (UVigo); e Ana Luna Alonso, tamén da UVigo. A xornada féchase con “A promoción institucional nas FIL (Feiras Internacionais do Libro)”, charla pronunciada por Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta da Galiza.

As sesións dos días 11 e 12 de marzo tamén decorrerán en horario de tarde. Entre as 16 e as 17 horas da quinta feira terá lugar as conferencias, "Investigar as FIL e a internacionalización das culturas", do profesor Gustavo Sorón, da Universidade Nacional de Córdoba.

A xornada fecharase coa mesa redonda "Desafíos metodolóxicos na investigación sobre as FIL e o convidado de honra". 

A tarde de clausura, na sexta feira, contará con dúas mesas redondas, alén do apartado de conclusións do simposio. "Estratexias de internacionalización. FIL e convidados de honra" desenvolverase desde as  16 horas, e "Impacto do convidado de honra en FIL. Valor económico, cultural e simbólico" dará comezo arredor das 17.45 horas. Ambas as dúas sesións de debate estarán presentadas pola especialista Iolanda Galanes.

Comentarios