venres 10.07.2020

Silvia Rozas Ramallal, frautista: "A felicidade radica máis na nosa actitude proactiva coa vida que en conseguir cousas"

Silvia Rozas Ramallal co seu instrumento principal: a frauta.
Silvia Rozas Ramallal co seu instrumento principal: a frauta.

Silvia Rozas Ramallal (Burela, 1998) leva a música dentro. Comezou aos sete anos e na actualidade estuda na prestixiosa escola Hanns Eisler de Berlín, Alemaña. Foi gañadora, entre outros, do IV Concorso Flautistico Internazionale "Severino Gazzelloni" e do Premio Verão Classico 2018 e ten actuado como solista coa Orquestra Xoven de la Sinfónica da Galiza ou coa Real Filharmonía da Galiza. O seu último galardón conseguiuno onte mesmo ao gañar, xunto a Tomasz Sierant, o 1º Premio no Euroflute Solo Competition. Prefire vivir aproveitando os bos momentos que pensar nos logros.

Como descobre que o seu é a música?

Foi bastante casualidade. Digamos que na escola aburríame un pouquiño e polas tardes apetecíame facer outra cousa, algo extra, digamos. Como Burela é moi pequeno, as únicas opcións que había eran a escola de música ou apuntarme a baloncesto ou fútbol. Eu nunca fun unha persoa de deportes, polo que foi unha escolla fácil. 

Que papel xogaron na súa traxectoria as escolas de música?

Moi grande, desde logo. Estando fóra decateime aínda máis da importancia que teñen estas pequenas escolas e tamén as bandas de música. Non só a nivel musical, tamén a nivel social. Vemos grandes músicos por fóra que veñen deste entorno. Fomentan o cariño pola música, esas ganas de tocar cos demais, de facelo ben.

Toca e ensaia con persoas de moitos países. A música é a linguaxe sen fronteiras? 

Axuda a comunicarnos, a  compartir momentos, a coñecer outras culturas, desde logo. Xa non só polo feito da música, senón pola comunidade que implica. Aquí todos os días falo catro idiomas, con xente de distintos continentes. A multiculturalidade é normal. 

Foi difícil adaptarse no paso de Burela a Berlín? 

O cambio foi moi grande. Acórdome de pasalo moi mal no supermercado. Entre que non tiña nin idea de como cociñar e non entendía as cousas que mercaba... Unha vez pensaba que estaba a mercar carne e en realidade eran ósos de cocho. Mais tamén tiven moitos momentos bonitos, como descubrir xente nova e outras culturas. 

Coincide en que a música é toda unha institución nese país?

É certo que se aprecia máis a música. Hai máis axudas. As orquestras ofertan prácticas para músicos. Nos concertos nos que participei sempre estaban as salas cheas. A xente gosta máis, é algo moi normal e non está reducido a unha elite.

Gustaríame contribuír a mudar a situación na Galiza. Creo que vén, en parte, da educación. Debería de haber novas leis e medidas. Mais os músicos podemos contribuír. Por exemplo con experiencias como as da Orquestra Sinfónica da Galiza (OSG) de facer pequenos concertos nas varandas. Podo dar un recital cando vaia de vacacións polo verán. Achegar a música á xente que non iría nunca a un auditorio ver unha orquestra.

Se tivese que escoller referentes musicais na Galiza, cales lle influíron?  

O primeiro de todos, Roberto Bouza, que me inculcou un gran cariño pola música. Lembro que o pasaba xenial nas aulas. Tamén o compositor Fernando Buido, e Cristina Pato paréceme un referente como muller. De fóra da Galiza escollería a miña profesora de frauta, Silvia Careddu. É unha persoa que saíu dunha illa, un lugar moi pequeno. Cando comezou a súa carreira, a situación era diferente. Realmente foi dunha xeración que tivo que pelexar para poder ter a mesma voz que un home. Rematou tocando na Filharmónica de Viena, foi unha das dúas mulleres que había na sección de vento.  

Que lle pide ao futuro?  

Nós até certo punto non podemos escoller como vai ser a nosa vida.  Creo que a felicidade radica máis na nosa actitude proactiva coa vida e en saber aproveitar as oportunidades que veñen e os bos momentos que en conseguir unhas cousas ou outras.

comentarios