Entre dous mil títulos de todo o mundo

Sicixia é seleccionada na Sección Oficial do 54º Festival Internacional de Cine de Gijón

O novo filme do director galego Ignacio Vilar, Sicixia, vén de ser seleccionada na Sección Oficial do 54º Festival Internacional de Cine de Gijón. A fita, producida por Vía Láctea Filmes e pola TVG, foi elixida entre dous mil títulos de todo o mundo e competirá con 15 películas na categoría de ficción.

[Imaxe: Sicixia] Marta Lado, con Monti Castiñeiras, caracterizada como Olalla.
photo_camera [Imaxe: Sicixia] Marta Lado, con Monti Castiñeiras, caracterizada como Olalla.

Após o éxito de Sicixia no Festival Cinespaña de Toulouse, de onde volveu co premio á mellor actriz pola interpretación de Marta Lado polo papel de Olalla, o último filme de Ignacio Vilar protagoniza outra boa nova, ao resultar seleccionado na Sección Oficial do 54º Festival Internacional de Cine de Gijón, que terá lugar entre o 19 e o 26 de novembro de 2016.

A película galega competirá na categoría de ficción cun total de 15 fitas dos EUA, Francia, Italia, México e Bulgaria, entre outros Estados

A longametraxe, que foi concibida para pór en valor o patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte e mais a Rapa das Bestas de Sabucedo, foi seleccionada entre máis de dous mil títulos de todo o mundo. A película galega competirá na categoría de ficción cun total de 15 fitas dos EUA, Francia, Italia, México e Bulgaria, entre outros Estados.

O galego, por vez primeira no festival

É a primeira vez que un filme rodado en galego participa no Festival Internacional de Cine de Gijón e, nesta 54ª edición, Sicixia será a única película participante a nivel estatal. A obra de Ignacio Vilar opta ao Premio Principado de Asturias á Mellor longametraxe; Premio ao Mellor Director; Premio á Mellor Actriz; Premio ao Mellor Actor; Premio ao Mellor Guión e ao Premio Especial do Xurado.

É a primeira vez que un filme rodado en galego participa no Festival Internacional de Cine de Gijón

O festival de Gijón bateu marcas de público nas anteriores edicións e superou os 75.000 espectadores e espectadoras. Ao longo da súa historia, o premio á mellor longametraxe foi concedido a directores de sona como James Mangold, Peter Mullan, Pawel Pawlikowski, Ulrich Seidl, Lukas Moodysson, Lisandro Alonso ou Hong Sang-soo.

O 25N nas salas do país

Sicixia poderá verse nos cinemas do país o 25 de novembro. Polo de agora, xa está dispoñíbel o teaser para abrir boca.

Dentro da campaña de promoción, o día 7 terá lugar unha preestrea do filme no Cinéma Majestic-Passy de París (Francia) á que asistirán Ignacio Vilar, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras. Após o pase ofrecerase unha degustación de produtos do mar e viño D.O. Valdeorras na que participarán os cociñeiros Iván Domínguez (Grupo Nove; Alborada), Miguel G. Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños).

Comentarios