“Sicixia” e “No cow on the ice” triunfan no festival de Toulouse

[ACTUALIZADA ÁS 15:09h] O cinema galego recolleu dous dos principais premios a pasada noite no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). Marta Lado recibiu o premio á mellor actriz polo seu papel en Sicixia, a nova película de Ignacio Vilar, mentres que No cow on the ice, de Eloy Domínguez, foi recoñecido como mellor documentario.

SICIXIA
photo_camera Ignacio Vilar recolleu o premio de Marta Lado

O cinema galego regresa coas mans cheas de Toulouse, onde tivo lugar o XXI Festival Cinespaña. A galega Marta Lado foi recoñecida co premio á mellor actriz polo papel que desenvolveu en Sicixia, o novo filme de Ignacio Vilar. Aliás, No cow on the ice, do galego Eloy Domínguez, recibiu o premio ao mellor documentario.

En Sicixia, Marta Lado, natural de Fisterra e formada na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, interpreta Olalla, unha recoleitora de algas que coñece a Xiao, un enxeñeiro de son do Arquivo Sonoro de Galiza que percorre a costa para investigar as variábeis dialectais do galego.

O de Olalla é o segundo traballo en que Ignacio Vilar dirixe Marta Lado, pois xa interpretara a personaxe de Adelaida en Vilamor. Precisamente, Marta Lado, que é licenciada en Economía pola Universidade de Vigo, fora candidata a un premio Goya como mellor actriz de reparto polo seu papel de Adelaida.

Sicixia estrearase nas salas galegas o 25 de novembro

Sicixia, que será presentada o 3 de novembro en París,  estrearase nas salas galegas, alén de nos cinemas de Madrid, Barcelona e Euskadi, o 25 de novembro. Via Láctea Films explica que o filme foi concibido “para poñer en valor o inigualábel patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte, así como a Rapa de Sabucedo”.

Un premio á Costa da Morte

En declaracións aos medios, Ignacio Vilar sinalou que o premio "é un pulo importantísimo para a nosa película e para o cinema galego". "Eu diría que o premio á protagonista, a esa Olalla salvaxe, aldeá, que colleita algas, é terra, e tamén o mar.

O director de Sicixia engadiu que tamén é un "premio á Costa da Morte".

No cow on the ice

Eloy Domínguez dirixe o documentario en que reflexiona sobre a súa condición de emigante-inmigrante, após recalar en Suecia. Na fita, un mozo galego emigra ao país nórdico, onde desenvolve varios traballos a tempo parcial mentres trata de lanzar a súa carreira cinematográfica.

Segundo o propio director, a aprendizaxe dun novo idioma e a súa fascinación por unha paisaxe insólita convértense pronto en dous estímulos fundamentais fronte ás dificultades do seu proceso de adaptación.

[Esta información foi actualizada por volta das 15:09h para engadir as palabras de Ignacio Vilar]

Comentarios