Do 1 ao 6 de setembro

'Sicixia' de Ignacio Vilar proxectarase no Matadero de Madrid

Ignacio Vilar (Petín, 1951) é un dos cineastas de maior percorrido popular do cinema galego. Filmes como Vilamor (2012) ou sobre todo A esmorga (2014) chegaron a pantallas de todo o país e, no caso da adaptación de Blanco Amor, tamén do exterior. A súa última longa, Sicixia (2016), salta agora aos cinemas madrileños.
 

[Imaxe: Sicixia] Marta Lado, con Monti Castiñeiras, caracterizada como Olalla.
photo_camera Marta Lado, con Monti Castiñeiras, caracterizada como Olalla, no filme 'Sicixia'. Foto: cedida.

A Sala Plató da Cineteca do Matadero acollará dous pases diarios -ás 18.00 e ás 20.00 horas- de Sicixia entre o 1 o 6 de setembro. Ambientada na Costa da Morte e con Marta Lado e Monti Castiñeiras como protagonistas, na súa primeira semana en carteleira -aló por novembro de 2016- situose entre os cinco films máis vistos en Galiza.

“A súa orixinal proposta cinematográfica”, explican desde a produtora Vía Láctea, “cunha coidada mestura de personaxes reaisi e de ficción convida ao espectador a se mergullar na singularidade deste recuncho único no mundo”.

A última obra de Vilar -que arestora prepara unha fita sobre María Soliña- foi recoñecida en festivais de Houston ou Toulouse, e competiu na sección oficial de Xixón.

Comentarios