'Sicixia' entra no top 5 da carteleira galega

Na súa primeira fin de semana na carteleira, 'Sicixia' logrou posicionarse entre os cinco filmes máis vistos en Galiza. 

sicixia-filme
photo_camera Un momento do filme, cos protagonistas, Marta Lado e Monti Castiñeiras

Segundo datos de Rentrak Spain, a estrea do último filme de Ignacio Vilar está a ser existosa. A longametraxe protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado (Premio Mellor Actriz, XXI Cinespaña de Toulouse) mídese esta semana a grandes filmes da factoría Hollywood e do cinema español sen complexos. 

Estreada na mesma semana que superproducións como 'Aliados' (protagonizada por Brad Pitt e Marion Cotillard) ou 'La Reina de España' (dirixida por F. Trueba e protagonizada por Penélope Cruz), 'Sicixia' non só se sitúa entre os 5 filmes máis vistos da carteleira na meirande parte das salas galegas senón que ocupa mesmo o primeiro posto en cinemas coma Numax (Santiago de Compostela), Compostela, Bergantiños (Carballo), Xunqueira (Cee), Dúplex (Ferrol), Seixo (Marín) e ocupa o segundo e terceiro posto respectivamente nos cines Norte (Vigo) e Os Cantóns (A Coruña), segundo informa a produtora.