'Sica', denuncia ecolóxica e social na Costa da Morte

Sica, a película dirixida pola directora catalá Carla Subirana e rodada na Costa da Morte, chega esta sexta feira ás salas da Galiza e de todo o Estado en versión orixinal galega, despois do seu paso polos festivais de Berlín e Málaga e da súa preestrea en Carballo no día de onte. O filme, que tamén terá un pase esta sexta no Festival de Cans, supón o debut na ficción de Subirana.
Nuria Prims e Thais García en 'Sica'.  (Foto: Mario Llorca)
photo_camera Nuria Prims e Thais García en 'Sica'. (Foto: Mario Llorca)

"O primeiro recordo que teño da Costa da Morte é Arou [Camariñas] visto desde arriba. A vista daquela paisaxe foi un frechazo. Captoume dunha maneira moi profunda, xurdiu un magnetismo instantáneo. Houbo aí unha chamada que despois tiven que ir debullando para saber o que había detrás". A directora catalá Carla Subirana chegou en 2016 ás paisaxes de Fisterra, seguindo os pasos descritos por un libro do polifacético escritor catalán (tamén un dos iniciadores do movemento da Nova Cançó) Josep María Espinàs, A peu per la Costa da Morte, atopado nunha libraría de segunda man. Esta sexta feira, sete anos despois, estrea nas pantallas comerciais Sica, rodada naqueles escenarios e en galego. 

Precedida dunha moi favorábel acollida nos festivais de Berlín e Málaga, esta é a súa primeira ficción despois dunha delongada carreira como documentalista. Sica chega hoxe ás salas de cinema da Galiza e do Estado e onte pola mañá foi a preestrea nos Multicines Bergantiños, en Carballo. Tratouse dun pase especial para o alumnado do CPI As Revoltas, onde estuda Thais García, a actriz protagonista (Sica).

A historia segue Sica, unha moza de catorce anos que acaba de perder a seu pai no naufraxio dun pesqueiro. A ausencia da figura paterna desemboca en constantes choques coa nai, que se suman ao desencanto da adolescencia e ás primeiras experiencias negativas da entrada na idade adulta. O filme de Subirana desenvólvese sobre un fondo que revela a realidade do cambio climático, mesturado cun certo atavismo que trata de afondar na conexión entre poboación e paisaxe. 

Cambio climático e realidade social

"A min preocúpame moito a crise climática, que xa é algo moi presente nas nosas vidas. Cheguei á conclusión de que a paisaxe da Costa da Morte me conecta con algo moi atávico, moi profundo: un vínculo con algo que é moito máis grande que nós. A natureza é caprichosa e violenta, mais tamén xeradora de vida. Sucédeme con outras paisaxes, pero co da Costa da Morte resulta moi evidente. Creo que na Galiza aínda existe esa conexión espiritual coa natureza que noutros lugares se perdeu. Fíxate en que, na película, Sica só reencontra o equilibrio coa chegada da tormenta Ofelia", explica Subirana en conversa con Nós Diario

A natureza é unha personaxe máis da película -o mar, o vento, ás ondas...- e reflicte o estado de ánimo das figuras que se moven por ela. "Hai un traballo moi consciente nese sentido", aclara a directora. "Galiza ten isto, que un día ves o mar como un prato e, ao día seguinte, parece que chegou o xuízo final. E ese paralelismo visual cos estados de ánimo do protagonista está moi traballado, no visual e no sonoro". 

Mais en Sica tamén existe un argumento que non queda no puramente contemplativo e que fala directamente dunha realidade social dura, de condicións laborais deficientes e de labirintos administrativos que operan alleos á vida das persoas.  

"As miñas películas anteriores son documentais con estrutura de ficción e Sica é unha película de ficción con estrutura documental. Os documentalistas temos esa curiosidade por facer un traballo de campo serio e eu volvín á Costa da Morte varias veces dunha forma moi libre, sen compromisos de produción. Volvía porque o territorio me reclamaba e sentía que aí tiña que facer algo. Fun coñecendo o país e, grazas á Asociación Camiño dos Faros contactei con percebeiras, redeiras, mariñeiros... que me foron dando pistas sobre toda esa riqueza cultural vinculada ao mar que existe na zona e tamén sobre a súa realidade social. E de aí foron xurdindo personaxes e tramas". Nese thriller que o filme oculta xorden claves que explican esa conexión co mundo natural.  "Na Costa da Morte depéndese moi directamente da natureza, do mar. As súas xentes deben dialogar co océano cada día, saber cales son os seus estados de ánimo, cando se pode tratar con el ou non. Teñen que saber cando poden saír ao mar ou a coller percebes, porque lles vai a vida nese diálogo".  

Estética pasoliniana

Esa mestura entre atavismo e realismo social tradúcese nunha posta en escena que está a medio camiño entre o documental e o cine de Pasolini, unha estética reforzada pola mestura de actores  profesionais e non profesionais. "Decidir rodar na Costa da Morte implicaba, por respecto ao territorio, rodar con xente da zona, facer un casting entre a veciñanza. Cando traballas con actores naturais hai información sobre as personaxes que xa vén dada pola mera presenza física dos actores. Thais, por exemplo, é Sica, era algo que tiña claro desde o principio. Noutros casos, pola contra, reescribín os papeis para adaptalos a quen os ía interpretar". 

A actriz catalá Nuria Prims, que interpreta a nai de Sica, é unha das excepcións e sérvelle á directora para introducir o seu punto de vista. "Claro, eu como catalá, tiña que introducir unha mirada que non fose autóctona. Ela representa esa estranxeira que por determinadas circunstancias casou cun mariñeiro e tivo unha filla que é máis da Costa da Morte que ninguén".  

Pero hai algo máis de Subirana neste filme. "En realidade", declara, "eu diría que toda a trama é unha escusa para falar doutras cousas. Todo ese tema da perda da figura paterna, do duelo, ten que ver cunha experiencia persoal da que falei na miña primeira película [Nedar], na que relataba a busca do meu avó, fusilado en 1940, e na que se falaba das interseccións entre a memoria histórica e a memoria persoal e dunha familia marcada pola ausencia masculina. Os creadores adoitamos ter certas obsesións que imos repetindo e disfrazando. O que eu quería debuxar está contido na frase que a nai lle di a Sica: "Ti e mais eu sempre estivemos soas". Porque Sica idealiza o pai e ten que pasar toda esa viaxe emocional para redescubrir unha figura materna que, en moitas ocasións, pasa desapercibida porque se dá por suposto que está sempre aí, onde ten que estar".

Naturalizar a riqueza lingüística

Sica está falada integramente en galego -agás o papel de Nuria Prims, que se expresa en catalán- e semella que o campo da distribución vai abríndose ao que debería ser normal nun Estado plurilingüe. "Esta película, hai cinco anos, sería imposíbel de distribuír", opina Subirana. "Xa hai unha serie de películas rodadas en catalán, en galego ou en euskera que foron a festivais internacionais e que mesmo gañaron premios. Ben, parece que temos que pasar por aí para que se acepte a pluralidade cultural, pois benvido sexa. Pero creo que debería ser algo que se vise con moita máis naturalidade".

Comentarios