Shakespeare entre os enigmas

A pasada semana unha copia do 'First Folio' de William Shakespeare era vendida por case dous millóns e medio de dólares nunha poxa xestionada pola casa Sotheby’s.
Exemplar do First Folio exposto en Washington D.C. (Foto: Jessie Chapman)
photo_camera Exemplar do First Folio exposto en Washington D.C. (Foto: Jessie Chapman)

O First Folio é algo así como os grandes éxitos de Shakespeare. Editado polos seus amigos pouco despois da morte do autor, inclúe unha colección de trinta e seis obras entre as que hai varias que non se conservarían doutro modo, algunhas tan relevantes como MacBeth ou The Tempest (A Tempestade).

Dunha tiraxe inicial de 750 exemplares, o First Folio ten aínda máis dun terzo circulando polo mundo, aínda que só unha vintena estarían en mans privadas. Cada vez que unha copia entra no mercado vívese como un pequeno acontecemento aínda que, mesmo con ese prezo, está lonxe de ser un dos libros máis caros do mundo da bibliofilia. Bill Gates, por exemplo, pagaba trinta millóns de dólares no ano 1994 por un manuscrito de Leonardo da Vinci e calcúlase que unha Biblia de Gutenberg venderíase hoxe en día por un prezo aínda maior.

Testemuño ante os mitos

O First Folio representa, ademais, unha das poucas pezas ás que aferrarse para dar corpo a unha historia enigmática, cuns ocos que seguen alimentando unha dimensión mítica.

De Shakespeare díxose que podería ter sido o pseudónimo dunha muller, dunha persoa da nobreza, ou mesmo o nome co que o seu contemporáneo Christopher Marlowe continuou a súa carreira literaria tras finxir a súa propia morte. Realmente, non hai nada que cimente mellor a fama dunha persoa creadora que todos estes mitos que, como nun xogo de bonecas rusas, converten a súa vida nunha historia máis destinada a gardar moitas outras no seu interior.

Máis aló dos argumentos, paralelismos e sospeitas, o certo é que moitas das incógnitas sobre o período axudan tamén a reflexionar na dimensión dun autor considerado a columna mestra do canon literario occidental. Por exemplo, que Shakespeare fose considerado un “herdeiro de Thomas Watson” polos seus contemporáneos e que, porén, a práctica totalidade da obra de Watson se perdese no tempo. Elementos que nos poñen na pista dunha perspectiva fragmentaria á hora de valorar o seu peso.

Acontece o mesmo cando se atopan inspiracións, influencias ou elementos que rozan o plaxio nalgunhas das súas obras. O mito shakespeariano foi forxado en metais preciosos, pero non deixa de ser a visión dun tempo regrado e solemne sobre outro que non o debeu de ser tanto. Shakespeare, reivindicado tamén como actor nas páxinas do First Folio, foi unha figura que se moveu sobre todo no ámbito do teatro, no entretemento das masas, nunha vida na que, de certo, tivo que exercer varios oficios polos que recibía unha exigua porcentaxe dos beneficios. Un tempo, tamén, no que as ideas e os versos fluían e eran adaptados sen moitos miramentos e onde había que defendelos tamén dos rivais.

É probábel que as primeiras obras de Shakespeare que circularon fosen reconstrucións reescritas de memoria por alguén do público. Non parece casual que esta colección aparecese anos despois da súa morte, por moi baseada na admiración que puidese estar. Se tivésemos que comparalo cos nosos tempos, estariamos máis perto pensando nun guionista de televisión que nun poeta candidato ao Nóbel.

Shakespeare na Galiza

Alén das reescrituras de Cunqueiro, con préstamos de personaxes e motivos que o Shakespeare histórico entendería perfectamente, a primeira edición do autor en galego aparece no ano 1972. Tras varios anos de traballo e de demora editorial, Fernando Pérez Barreiro-Nolla publicaba A traxedia de MacBeth, que sería considerada durante moitos anos tamén a primeira tradución.

Sería Emilio Xosé Ínsua o que comunicase ao tradutor ferrolán o rastro dunha representación de 1920 de The Merry Wives of Windsor traducida por Antón Villar Ponte como Xan entre elas. Unha obra que non conservamos e que, de certo, non valería tanto diñeiro como o First Folio (que tamén pode atoparse escaneado na rede) pero que, de certo, alimenta os soños e as historias coas que construímos o noso país e o valor da nosa lingua.

Comentarios