Chuck Berry lanza un disco aos seus 90 anos

O Shakespeare do rock continúa a escribir cancións

Procuremos un branco que cante como un negro, conxuráronse os executivos da industria da música. O branco foi Elvis Presley. O negro ao que debía emular, Chuck Berry, un dos pais do rock and roll. Volta agora. Si, con 90 anos.

Berry

“Todos somos notas a rodapé das palabras de Chuck Berry”. Sentenza de Leonard Cohen, tipo con acreditado talento para dicer sempre o correcto e facelo con enxeño e beleza. “É o Shapeskeare do rock and roll”. Palabra de Bob Dylan moito antes de gañar o Nobel. Ben sabía Dylan o que dicía, Berry foi pioneiro en todo, tamén en introducir a poesía -mamouna, xunto coa música, na casa- nas letras do rock.

Chuck é o título co que Berry volta ao mercado e faino co primeiro cd con composicións novas desde o xa remoto Rock It (1979). Faino con 90 anos, idade provecta mais non incompatíbel coa continuidade sobre os palcos, eis temos o exemplo de Aznavour, recentemente en Barcelona aos seus 92.

A voz e a guitarra de Berry facturaron clásicos inmorredoiros como Johnny B Good, Maybellene, Roll Over Beethoven, Memphis, Tennessee e Promise Land e a súa influencia sobre todos os icones da música popular é inconmensurábel (desde Elvis até Springsteen pasando polo Lennon dos Beatles ou os Stones). Nunca acadou o status que en verdade merecía por un pequeno detalle: a cor da súa pel nun país marcado a lume polo racismo. Mais o seu prestixio profisional, despois dunha longuísima carreira, é incuestionábel. Rolling Stone, a revista biblia do rock, colócao como quinto músico no escalafón de todos os tempos, só superado por The Beatles, Dylan, Elvís e os Stones.

Está feito un mozo Chuck. Haberá que pór o ouvido ao seu último traballo.

Comentarios