Sexta de estreas expositivas: arte feminista e Correa Corredoira

Mañá sexta feira estréanse no norte e no sur dúas exposicións de entidade: a primeira no Marco: 'Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia'; e a segunda, na Seoane da Coruña, unha retrospectiva sobre a obra de Xabier Correa Corredoira. 

expo-correa
photo_camera Imaxe da expo 'Correa Corredoira. Os días pintados'

'Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia' é unha mostra comisariada por Anxela Caramés e producida polo Marco e polo compostelán Auditorio de Galicia que poderemos ver no museo vigués até o 11 de xuño. Nela participan ducias de artistas, como Xoán Anleo, Lara Bacelo, Andrea Costas, Carme Nogueira, Uqui Permui, Peque Varela, María Ruído, Salvador Cidrás ou Xisela Franco, entre moitos outros.

En 'Alén dos xéneros' participan ducias de artistas, como Xoán Anleo, Lara Bacelo, Andrea Costas, Carme Nogueira, Uqui Permui, Peque Varela, María Ruído, Salvador Cidrás ou Xisela Franco.

A exposición ofrece unha revisión actualizada das prácticas artísticas feministas que desde os anos noventa en Galiza foron realizadas tanto por mulleres coma por homes. Permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito galego co estatal e internacional. Á súa vez, tende pontes entre as producións artísticas e os movementos sociais e políticos reivindicativos, como os grupos activistas feministas e LGTBQI.
 
Correa Corredoira

E o mesmo día á mesma hora inaugúrase na Fundación Luís Seoane a exposición 'Correa Corredoira. Os días pintados', unha retrospectiva inédita sobre a obra pictórica do artista coruñés comisariada por David Barro que poderá visitarse até o 21 de maio. A mostra reúne preto dun cento de pezas nun percorrido expositivo que recolle obras chave na traxectoria do pintor, desde os anos setenta até a actualidade.

Por vez primeira, a pintura de Xabier Correa Corredoira protagoniza unha exposición retrospectiva

Por vez primeira, a pintura de Xabier Correa Corredoira (A Coruña, 1952) protagoniza unha exposición retrospectiva que reunirá nas salas da Fundación Luis Seoane gran parte da súa produción pictórica. Debuxante, gravador, poeta, Correa Corredoira sempre se identificou a sí mesmo como pintor, un creador cuxa traxectoria discorre ao mesmo tempo que algúns dos movementos máis importantes da  galega da segunda metade do século XX, desde A Galga até Atlántica, e que nesta exposición amosará a evolución da súa pintura ao longo de máis de catro décadas.