Con setembro voltan as homenaxes a Manuel María

O 8 de setembro cúmprense 12 anos do pasamento do poeta chairego e, como se vén facendo desde entón, a asociación Xermolos organiza actos na súa memoria. Pero hai máis...

diazcastro-MM
photo_camera Xosé María Díaz Castro e Manuel María

Baixo o título de “Memoria da Chaira enteira” a asociación Xermolos organiza unha xornada dedicada ao poeta, que comeza ás 15 horas cun xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra no que se proxectarán diapositivas -recén descubertas- sobre Manuel María e Díaz Castro no Festival de Pardiñas de 1988, e de Díaz Castro coa súa familia na Casa do Vilariño e nos camiños lindantes. 

Logo, a partir das 17 horas, haberá un recital de poesía en Penas de Rodas e ás seis da tarde, acto no cemiterio de Outeiro de Rei, acompañado de versos e comunicados. A continuación entregarase a Navalla de Manuel María a Raúl Río e, de xeito póstumo, a Francisco Carballo. 

O acto rematará cun recital de poesía e música a cargo do gaiteiro Raul Galego, Mini e Mero, Antón Valcarce, Ceibes de Xermolos, Miro Casabella e Tino Baz.

Outros actos en Guitiriz

Ademais a asociación cultural Lareira de Soños e Nova Poesía Guitirica organizan os días 10 e 17 de setembro unhas xornadas de homenaxe a Manuel María e Díaz Castro. O día 10 ás 20 horas na Casa Habanera de Guitiriz intervirán Raúl Río, premiado coa Navalla de Manuel María 2016, Mercedes Queixas Zas co seu libro ‘Labrego con algo de poeta’ sobre Manuel María e Armando Requeixo falando da relación personal e literaria entre ambos poetas.

E o día 17 á mesma hora na igrexa dos Vilares terá lugar un recital poetico musical con poetas da Nova Poesía Guitirica, o vilalbés Martiño Maseda e o gañador do I Premio de Poesía Díaz Castro, Raúl Gómez Pato. A másica correrá a cargo de Sandra Tenreiro e a presentación, de Alfonso Blanco.

Continúa o Ano Manuel María

Até decembro a Casa-Museo Manuel María prevé continuar coa avalancha de visitas escolares -e non só- a unha casa que mañá cumpre tres anos da súa inauguración e apertura ao público.  Con motivo do aniversario do nacemento do poeta o 6 de outubro realizarán unha xornada festiva e unha asemblea na que participarán os amigos e amigas da Fundación. 

Alén disto, a xa tradicional homenaxe na Coruña Lúas de Outono terá lugar o día 20 de setembro no Teatro Rosalía de Castro e contará coas actuacións dun grupo de cámara e mais dos Diplomáticos de Monte Alto.

Comentarios