A industria non se detén ante a pandemia

Setembro inaugura un outono editorial anómalo, mais ateigado de novidades

As principais editoriais galegas xa deixan ver as súas achegas de cara a este outono marcado polo contexto extraordinario, con moita presenza do ensaio e das novidades para a cativada. Destaca na narrativa o último de Antón Ribeiro Coello, 'O paraíso dos inocentes' (Galaxia), premio Torrente Ballester; unha nova liña de ensaio da editorial Xerais ou a vindeira publicación dun libro de crónica sobre a relación de Lorca con Compostela. Descubre os libros que veñen!
As propostas editoriais para setembro non se deixan frear polo coronavirus.
photo_camera As propostas editoriais para setembro non se deixan frear polo coronavirus.
Malia as circunstancias extraordinarias que estamos a vivir, logo da relativa parada do verán, as editoriais galegas están a afrontar setembro cunha recua de novidades que encamiñan o que será un outono editorial con moita presenza do ensaio e gran peso das propostas para a mocidade.

Narrativa e poesía

Galaxia abre o curso cunha aposta forte na narrativa, coa edición do Premio Torrente Ballester 2019 como bandeira, que recaera conxuntamente n'O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello, e en Crónica denigrante, de Álex Alonso. A primeira, que ve agora a luz, nútrese da actualidade na reconstrución das andanzas das persoas refuxiadas en dous escenarios, Siria e Europa, filtradas pola personaxe infantil de Karim.

Ademais, a editorial leva ás librarías Flores de ferro, Premio García Barros 2020, de María Rei Vilas, un relato centrado en Camila e na súa pescuda nas orixes familiares para recompor a identidade e afrontar, desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. Na sección Literaria, Galaxia publica tamén Silencio, de Agustín Agra, e Corazón de manteiga, de Xavier Queipo.

Dentro da narrativa, Xerais pon o foco nas historias humanas cun crebacabezas de relatos anónimos en Todas as vidas, de Xosé Ramón Pena, xunto á abordaxe do amor entre mulleres que fai Ignacio Vidal Portabales en Lara e Sabela, obra premiada co Lueiro Rey de Novela Curta.

Pola súa banda, Laiovento faise oco coas Música para os días de inverno, de Pablo Nogueiras, autor con predilección pola integración da banda sonora no texto. Este mesmo selo apostará na liña poética con O bosque sem saida, de Xabier Rodríguez Baixeras, xénero no que Alvarellos ten previsto editar os primeiros premios do certame Torre de Caldaloba.

Ensaio e crónica

Un dos destacados do mes vén da man de Xerais coa inauguración da colección Contamos a nosa historia, dirixida por Isidro Dubert, que abre O Reino medieval de Galicia, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.

María Xosé Queizán achegará un novo libro de pensamento baixo o título Despoxos e vísceras ilustres, no que transita paisaxes diversas, como a existencia dos poetas románticos ingleses, a política bolxevique e a deriva do socialismo alemán após a Primeira Guerra Mundial.

Alvarellos comezará a súa campaña de outono a finais de setembro, mais adianta a Nós Diario algunhas da principais novidades que sairán do prelo de aquí a final de ano, aínda que coa incerteza marcando as datas neste contexto cambiante.

Con moita presenza do ensaio e da memoria histórica, non tardaremos en ver nos andeis Viva la libertad, no que Miguel Paz segue os pasos do mestre republicano Fernando Barcia, e o diario Aramados, tradución de Miro Villar sobre os escritos de Manuel García Gerpe, exiliado republicano no campo francés de Septfonds, que malia veren a luz en Bos Aires en 1941 chegaron até hoxe bastante desapercibidos.

Igualmente, o propio director da editorial, Quique Alvarellos, repasará a traxectoria de Federico García Lorca en Compostela nunha crónica que debulla polo miúdo a súa atracción pola capital galega.

Seguindo a liña da colección Grandes Biografías, Galaxia ofrece o segundo tomo de Castelao. Construtor da nación, de Miguel Anxo Seixas, após o éxito do primeiro volume co Premio á Iniciativa Bibliográfica na Gala do Libro 2020.

Xerais contempla na colección de crónica Súbditos ou cidadáns?, unha disección de Henrique del Bosque Zapata, coa capacidade analítica de quen militou nos movementos sociais e políticos, das cuestións que levaron a construír os Estados modernos e as razóns que levan á súa demolición.

Así mesmo, Galaxia procurará o reflexo da insólita actualidade con Illados. Diario dunha pandemia, unha reportaxe que mestura as palabras de María López Sández e a fotografía de Miguel Muñiz. O punto máis insólito chega se cadra da man de Calros Solla con A vaga dos pratiños voantes. O fenómeno ovni na prensa galega (Rinoceronte), un repaso pola mitoloxía dos extraterrestres, esa icona orwelliana da cultura popular na que, como acontece coas meigas, non cremos, pero habelos hainos...

Laiovento ten en calendario varias achegas na súa potente liña ensaística: Alborada de Edipo, de Xesús Pisón Villapol, con limiar de Andrés Pociña; Idioma e sociedade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato -de quen encarará a sexta edición de Lingua galega. Normalidade e conflito-; ou A máquina ousada, de Manuel Castelao arredor de Pondal. Máis algúns dos máis agardados dos son volumes premiados como Socialismo en Europa 2020, do economista Xabier Pérez Davila; A industria do coiro en Galicia, de Claudio Otero Eiriz e O estrangulamento económico de Galicia, de Diego Sande.

Para a cativada

Xerais inicia saga na categoría infantil e xuvenil coa primeira entrega d'Os Minimortos, da consagrada autora Ledicia Costas, seguindo as aventuras dunha cuadrilla de crianzas de ultratumba. Do mesmo modo, verán a luz en Fóra de xogo A memoria dos paxaros, de Teresa González Costa; A tropa contra o virus, de Alberto Avendaño, e Catro cartas, de Xabier P. DoCampo.

Kalandraka tampouco esquece o público máis novo con singulares achegas como Sete chaves para abrir os soños, unha divertida colección de relatos de Alfredo Gómez Cerdá, con protagonistas literarios -Gianni Rodari, Tomi Ungerer, Astrid Lindgre...- ilustrados por David Pintor e vertidos ao galego por Isabel Soto.

Presenta, así mesmo, Miña Guía, Meu Capitán unha emotiva historia arredor das limitacións visuais de Gonzalo Moure e María Girón, traducida por Manuela Rodríguez.

Igualmente, Galaxia nutrirá as súas coleccións para a cativada con Dormente, de Raquel Castro, e Berta Mir detective. O caso do chantaxista roibo, de Jordi Sierra i Fabra, en Costa Oeste.

Antía Yáñez marcará un dos pratos fortes do xénero con Plan de rescate, relato gañador do III Premio Agustín Fernández Paz Pola Igualdade 2020, acompañada polo tamén galardoado Xosé A. Neira Cruz, que asina O enigma do baúl pechado, Premio Carlos Mosteiro 2019.

Baía, pola súa banda, centra xustamente a súa proposta para setembro no público infantil con Feminino singular, en plural, de Concha Blanco e ilustracións de Laura Romero, e Nube Branca e o pingüín Valentín, de Pablo Nogueira, ilustrado por Manuel Uhía.

Tamén traducións

Rinoceronte levará ás librarías esta mesma semana a versión galega d'Os sangues, unha novela na que Audrée Wilhelmy reimaxina o personaxe clásico de Barba Azul a través da mirada das súas sete mulleres, xunto con A vida secreta das vacas, de Rosamund Young, obra que condensa, con humor e sabedoría, as observacións da autora á fronte da granxa familiar durante catro décadas.

Kalandraka tamén destaca nas traducións, entre as que salienta nesta volta de setembro a novela da francesa Fred Vargas O home dos círculos azuis, intrigante relato ambientado en París arredor das misteriores circunferencias que amencen trazadas con xiz no chan da cidade, traducido poe Antía Veres Gesto. E seguindo coas achegas desde a francofonía, Laiovento presenta unha adaptación ao galego de Adolphe, novela clásica francesa publicada por primeira vez en 1816 por Benjamin Constant.

Kalandraka engade ademais un volume á súa Biblioteca de Pedagoxía: Experiencia e educación. Manuel F. Vieites é o encargado de traer ao galego o derradeiro libro do considerado como máis preeminente teorizador da educación no século XX, John Deway, unha figura fundamental cuxas reflexións e ensinanzas se condensan precisamente neste tratado. E en sentido inverso, Alvarellos destaca ao levar ao castelán o libro do físico Jorge Mira A que altura está o ceo, após chegar na nosa lingua á terceira edición.

Comentarios