Sesenta anos sen Vicente Risco

Un programa de actividades repartidas polas localizacións que formaron parte da vida de Vicente Risco conmemoran o 60 aniversario do pasamento do escritor.
Vicente Risco. (Foto: Dominio Público)
photo_camera Vicente Risco. (Foto: Dominio Público)

A Fundación Vicente Risco organiza con motivo do 60 aniversario do pasamento de Vicente Risco todo un abano de actividades repartidas polas localidades que formaron parte da vida do escritor. 

Os actos concentraranse en catro días, do 27 ao 30 de abril e o 5 de maio. Ourense, Allariz, Castro Caldelas e Vilar de Santos acollerán estas actividades para todos os públicos. 

O 27 haberá unha conferencia no Liceo de Ourense co título Manuel Mirguía e Vicente Risco: dous piares da cultura galega a cargo de Manuel Outeiriño e Iria-Friné Rivera Vázquez. 

 

En Allariz, os actos de conmemoración celebraranse os días 29 e 30 de abril. Comezarán o sábado 29 de abril ás 12 horas con Risco en Cores, un obradoiro de arte en torno á imaxe de Risco que rematará coa creación dun mural comunitario. 

Xa pola tarde, ás 19.30 horas terá lugar Uhuhuhú, un recital poético no que tomarán a palabra Claudio Rodríguez Fer, Francisco X. Fernández Naval, Marilar Aleixandre e Tamara Andrés, co acompañamento do compositor e intérprete José Luís Fernández Carnicero. 

Posteriormente, ás 22 horas, está programada unha cea-concerto a cargo de Nanán na Arca de Noé, en Vilar de Santos. 

O domingo 30 a Praza do Matadoiro acollerá un contacontos, Os contos de Risco, ás 12 horas. E ás 12.30 decorrerá o Saúdo de Risco, no cemiterio municipal, que contará co acompañamento musical de Juán Vazquez. Este último acto será o acto institucional, no que se procederá á lectura pública da autobiografía confidencial de Vicente Risco. A el están convidadas diversas institucións que teñen relación coa Fundación ou con persoas que no seu momento tiveron relación co escritor. 

O 5 de maio, poñendo o ramo ao 'Risco Fest', o castelo de Castro Caldelas acolle a derradeira actividade: un concerto do grupo Cardo-Roxo, ás 20 horas.  

Comentarios