3 e 4 de agosto

Ses, Xabier Díaz e Astarot no 35 Carballeira de Zas

Clásicos contemporáneos e clásicos de sempre da música galega encabezan a 35 edición da Festa da Carballeira de Zas. Canda eles, propostas irlandesas, escocesas ou mesmo celtic blues do Xapón.
 

astarot
photo_camera Astarot na súa formación actual. Foto: cedida.

Ses e a súa canción combativa de autora será o prato forte da sexta feira. A coruñesa prodígase este verán polos palcos do país. Hai uns meses editou o seu último disco, Readmirando a condición, en que volve sobre o seu debut e engade un inédito. As súas actuacións, como puido comprobarse no pasado Festigal, enchen prazas e festivais.

cartaz carballeira zas

O ensemble de percusión tradicional Pelepau -con sede en Vigo-, a irlandesa Niamh Ní Charra, e os seus compatriotas Fatty Farmers -este fusionan o irlandesismo con country, punk oun música balcánica, se cadra no esteiro dos Pogues- completan o cartaz da primeira xornada da Carballeira.

O segundo día comeza antes. Concretamete, ás dúas do mediodía cunha sesión vermú amenizada polo preciosista folk pop de Caxade, o home orquestra Cé Orquestra Pantasma e o repertorio tradicional dos Farrapos. Á noite -a partir das nove e media-, unha nova sesión de músicas galegas e foráneas coa conexión celta como nexo.

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre abrirán o escenario e presentarán Noró (2018), de subtítulo “algunhas músicas do norte”. Seguirán unha das curiosidades do festival, Harmonica Creams. Xaponeses, armadaos de violín, harmónica, guitarra e percusión, practican o que chaman celtic blues. Seguirán os escoceses Mànran. E pechará un grupo á marxe das sonoridades máis ben folk que dominarán a Carballeira: Astarot.

A banda de Cangas, fundada en 1983, foi pioneira do heavy metal galego. Adaptaron textos de autores canónicas da literatura galega como letras para o seu rock duro e de guitarras. A súa última incursión en estudio foi acompañados dunha orquestra e coa colaboración de Alberto Cereijo, héroe da guitarra de Los Suaves.

Comentarios