María Xosé silvar, Sés, compositora e cantante

Sés: "Non teño un discurso subvencionado, senón que vivo da miña convocatoria"

O vindeiro 11 de outubro, Sés retoma a súa xira Liberar as arterias, e faino no Pazo da Ópera da Coruña, a súa cidade. Despois diso, agárdaa o público de la Salà en Valencia, onde actúa o día 23, e o de Stagelive en Bilbao, o 24 deste mes. Conversamos con ela sobre esta xira e as restricións sanitarias no mundo do espectáculo.

Sés 1, cantante, imaxe promocional, liberar as arterias
photo_camera A artista nunha fotografía promocional de 'Liberar as arterias'. (Foto: Nós Diario)

Fálenos desta próxima xira na 'nova normalidade'. A onde a vai levar?
A xira non me vai levar a todos os sitios que eu quixese por todas as restricións que existen. Empezamos agora na Coruña, iremos a Pontevedra, Málaga, Madrid... Isto, se falamos de auditorios, porque logo tamén nos quedan datas por facer, como O Rosal ou Vilalba, que eran da xira de verán. Pero non son todas as datas que quixésemos. Quero deixar claro, e paréceme moi importante deixalo claro nas entrevistas, que o de que a cultura é necesaria está moi ben pero en realidade non se trata diso. A cultura é tan necesaria como calquera outro oficio, a miña reclamación non é tanto a nivel de consumidora de cultura como de cidadá. Eu non decidín, nin me gusta, o neoliberalismo económico como sistema político. Nin o decidín, nin me gusta, nin o defendo pero é o que hai. E dentro dese sistema nós, como iniciativa privada, deberiamos ter os mesmos dereitos que ten Iberia ou que ten Ryanair. O que non é normal é que veña un voo cunha pasaxe de 1.000 persoas, con 500 persoas, con 300... e que nun teatro de mil persoas poidas meter 60. Iso non é coherente e a nivel puramente legal é unha aberración. Non apelo a ningún tipo de sentimentalismo, cando defendo o meu oficio apelo ao sistema político económico que eles defenden, que eles propugnan e que eles impoñen.

A que cre que se debe a diferenza entre os sectores? 
Chámase cabeza de turco. É milenario. Ten que ver con sacrificar sectores facilmente sacrificábeis, pola súa falla de poder e de relación coas oligarquías económicas, case gratuitamente sacrificábeis en prol de vender unha imaxe de seguranza e de medidas que se están a levar a cabo. Cando despois, na realidade, os metros van cheos, incluso as actividades onde si houbo contaxios, e que teñen moito máis poder, non se están a regular. Os gobernantes do Estado convertérono no prostíbulo de Europa, nun garito e agora, chaman ao turismo e saben que son dependentes do sector hostaleiro. Despois de desindustrializarnos, despois de espoliarnos e de facernos dependentes do resto de Europa e do resto do mundo, despois de facer de nós un Estado satélite, somos Cuba nos anos 40. E véndeno de que? Un bar aínda ben, pero un prostíbulo debera darlles vergoña.

Canto lle truncou a Sés a situación xerada pola Covid-19?
Todo. Eu non teño un discurso subvencionado polo Goberno, eu non son outros artistas deste país que son condescendentes co goberno da Xunta. Eu molesto. Eu dependo da iniciativa privada, vivo diso, da miña capacidade de convocatoria. E iso é un orgullo e un risco. Este ano ía ser un ano con moitísimos concertos, non sabería dicir exactamente cantos, pero coido que non esaxero nada se che dixera que este ano tiña arredor de 60 datas e diso pasamos a 15 ou menos. 

Como se reconfigura, entón, todo o traballo?
Eu sempre traballei, desde os 19 anos. E se algo me considero é unha tía traballadora. Fixen sete discos desde 2011, rematei este último en 2019. Estou agora a gravar outro álbum, pero non pola pandemia, nin por isto, nin polo outro, senón porque é a única maneira de vivir que contemplo. Non creo, nin nas escritoras que non escriben nin nos músicos que non sacan discos. A miña vida segue igual, se mañá teño que volver pór cafés, poreinos, que non me caen os aneis, xa os puxen, pero non fago máis que o que sempre fixen, que é sobrevivir. Nunca fun condescendente co poder político, nunca calei a boca, polo tanto nunca me foi nada fácil. Esta situación éme difícil, pero non tanto como para outras persoas porque nunca me vendín, estou moi afeita a traballar polo meu soldo mensual. E isto de agora non é unha excepción.

Como é agora un espectáculo en directo e como animaría o público a asistir?
No mundo da música hai mil veces máis restricións que na vida real. Nos teatros as cadeiras están entre un metro e medio e dous metros de distancia, separadas polos catro flancos, norte, sur, leste e oeste. Nun espazo no que collerían 4.000 ou 5.000 persoas, hai 500. Isto non o ves nin nunha cafetaría nin nun ambulatorio nin nun bus nin nun avión, nin en ningún sitio. E isto non é unha opinión, é un dato. Respecto que o público poida ter as súas reticencias a asistir a un concerto, pero pola nosa banda garantimos que se cumpren absolutamente todos os protocolos. Se lles apetece estaremos alí para facerlles pasar un bo momento e, se non, seguiremos estando o ano que vén ou outro. Cando queiran.

"Non son cantante, fago as cancións"

Sobre o seu traballo na produción de Liberar as arterias, a artista di, "producín todos os discos desde o segundo, pero moitas veces é curioso como se dá por sentado que a música é responsabilidade da persoa coa que se está a falar". "Se se entrevista Jorge Drexler non se lle chama cantante", reivindica, para engadir, "dáse por sentado que as cancións dese disco as escribiu el, que as compuxo el e que as fixo soar el". Sés advirte que "no caso das mulleres non pasa iso" e aclara, "chámasenos cantantes, e hai que ter coidado con esta acepción porque garda moito detrás, é moito máis profunda do que parece".

Reafírmase ao expor, "non son cantante, fago as miñas cancións, compóñoas, vístoas, prodúzoas e sobre todo, fágoas". "Eu son como Drexler", recalca, "non son unha cantante, nin canto ben nin quero cantar ben, quero pensar ben e escribir ben". 

Comentarios