Publica 'Rabia ao silencio'

Sés homenaxea a canción revolucionaria de autora no seu disco de versións

Rabia ao silencio é o título do novo disco de María Xosé Silvar, Sés. Esgazado dunha célebre cántiga do compositor e folclorista arxentino Atahualpa Yupanqui, o verso sintentiza a homenaxe á canción de autora revolucionaria que Silvar realiza no seu sexto traballo de estudio.
 

sés rabia ao silencio cuberta
photo_camera Detalle da cuberta de 'Rabia ao silencio', o disco de versións de Sés. Imaxe: cedida.

“Téñolle rabia ao silencio / polo moito que perdín, / que nunca quede calado / quen queira vivir feliz”, di a canción, das máis célebres do repertorio de Yupanqui e, segundo explica a propia Sés no libreto do cedé, “condenatoria da pasividade social” e “fermosísimo himno á liberdade de expresión”. É apenas unha das doce pezas de Rabia ao silencio, todas elas ligadas á potente e radical tradición da música de intervención do século XX.

O grileiro, de Raphael de Carvalho, abre a obra. Editada no elepé O Povo Canta (1961) do Centro Popular de Cultura da União Nacional de Estudantes do Rio de Janeiro, o protagonista da canción é un sicario dos grandes terratentes ao que as clases subalternas van resistir. “E uma ordem geral vai partir / que é botar o grileiro pra correr”.

Máis alá desta e de A chamuscada, anónima da Revolución Mexicana, Rabia ao silencio inclúe apropiacións en galego de xigantes como o portugués José Afonso -Enquanto há força-, a arxentina Mercedes Sosa -Zamba dos humildes-, o cubano Carlos Puebla -Son da alfabetización-, o nicaragüense Luis Mejía Godoy -Eu son dun pobo sinxelo-, o uruguaio Quintín Cabrera sobre un poema de Mario Benedetti -Serei curiosa-, ou a venezolana Soledad Bravo -Un de abaixo. A cota galega cóbrena dous cortes de Fuxan Os Ventos: Brazos para a seitura e Muller.

Unha versión de Strange Fruit, a estarrecedora canción escrita polo comunista estadounidense Abel Meeropol -cuxo seudónimo era Lewis Allan-, convertida en emblema antirracista por Billie Holiday, pecha Rabia ao silencio. Gravado na Coruña durante o inverno, arranxado maiormente en acústico, con frauta e acordión, unha ilustración de Lidia Cao ocupa a cuberta. O deseño gráfico realizouno de Bruno L. Teixeiro.

No estudio con novos temas propios


Sés levará o disco por teatros de pequeno aforo. Entrementres, xa entrou no estudio a preparar cancións, as primeiras inéditas desde Opoñerse á extinción (2016) e a inicial de Readmirando a condición (2017). Editaraas en 2020.

Comentarios