Ses, Dakidarría e Amparanoia, no SonRías de Bueu

Quince bandas galegas e internacionais encherán Bueu de festivaleiros do 3 ao 5 de agosto na 15ª edición dun SonRías Baixas. Alí poderemos ver a Estopa, Dubioza Kolectiv, Zoo, Arco, Amparanoia, Sés, Todos Tus Muertos, Narco e Dakidarría, entre outros. 

dakidarria
photo_camera Dakidarría

Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, música de raíz… do máis popular ao máis alternativo, do máis consolidado ao máis innovador, o SonRías consolidouse como un dos festivais de referencia no verán galego cunha particular mestura de música, praia e gastronomía nun entorno prixilexiado. Así o afirmou Félix Juncal -alcalde de Bueu- ao definilo como o “inicio do momento álxido do verán cultural, musical e lúdico na zona”, e como “unha proposta de turismo sostible e de calidade”.

Na sexta feira 4 abrirá o Escenario Super Bock a forza combativa de Sés, ás 20h. Despois, ás 21h30, chegará a alegría mestiza de Amparanoia;  ás 23h30, o punk-reggae dos arxentinos Todos Tus Muertos; á 1h o rock combativo dos sevillanos Narco; e pechará a festa por todo o alto o ska combativo dos Dakidarría a iso das 2h30 da madrugada. Nese mesmo escenario, o sábado 5 a actividade arrincará ás 20h15 co rock con acento flamenco do proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, Arco; tralo que chegará un dos platos fortes do festival, contra as 21h45, a rumba festiva dos Estopa; e, de seguido, ás 23h45, a delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv; pecharán esta edición do SonRías a descarga enerxética dos valencianos Zoo, á 1h45 e unha nova sesión do Dj SonRías, a partir das 3h30.

Ademais dos concertos, hai múltiples actividades complementarias, como a Casa SonRías, a singular casa de comidas musical na que podemos presenciar como os Poetarras preparan Rodaballo guisado e Anguriñas ao allo con gambón. Na ambientación musical, abrirán a programación do segundo escenario The Soul Breakers, ademais de Wöyza, Hexany e Guerrera. Ademais, haberá proxección de curtas musicais, co FIC Bueu, onde se proxectarán seis curtametraxes de temática musical, froito dunha colaboración entre ambos os dous festivais. 
 

Comentarios