Sés anuncia o seu novo disco, 'Diante un Eco'. Cando estará dispoñíbel?

Trátase do seu oitavo disco en 11 anos de carreira musical.
Actuación de Sés. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Actuación de Sés. (Foto: Nós Diario)

A cantautora Sés anunciou esta segunda feira que lanzará o vindeiro 25 de novembro o seu novo disco Diante un Eco, do que destaca a súa sonoridade "especialmente fresca e alegre" e que define como "unha volta aos inicios desde o oficio e a madurez".

A artista explica nun comunicado de prensa que o título do seu novo traballo fai referencia "á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva socio-política".

Capa do novo traballo de Sés, 'Diante un Eco'
Capa do novo traballo de Sés, 'Diante un Eco'.

Trátase do seu oitavo disco en 11 anos de carreira musical. Para Sés, este novo traballo supón "unha reafirmación da estética popular da que sente amante e debedora, sen renunciar á calidade poética".

A cantautora sinala que o disco viaxa entre "ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino" e que, sendo fiel ao seu estilo, ten "as doses exactas de 'rock and roll', tradición oral galega e certa cadencia de canción de autor latinoamericana con actitude punk, reivindicación e manexo escénico".

Xira promocional

Acompañada da súa banda, no seu percorrido inicial pola Galiza, conta xa con actuacións programadas para A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Narón os días 10 e 17 de decembro, 14, 21 e 28 de xaneiro e 3 de febreiro respectivamente.

Despois destes concertos dará comezo a unha xira promocional polo Estado español, que o levará a Ponferrada e Madrid, e posteriormente por varios países de Latinoamérica.

Comentarios