venres 30/10/20

#sermos245: activismo e acción para o futuro do galego

Radiografamos o pulso da lingua ás portas do 17M, entrevistamos Davide Salvado, falamos da transferencia da AP9 e da temporalidade laboral que se sinte como na casa en Galiza. Todo isto, e moito máis, xa na nosa loxa.

‘Unha lingua busca amparo’. Recorrente, prolixo e inevitábel, o debate sobre o estado da lingua é un combate diario entre quen acredita no galego como idioma do país e quen pensa que o idioma é un defunto ao que lle render a homenaxe anual das Letras. Esta semana previa ao 17 de maio a disputa continuou na Academia e no Parlamento. Sen avances.

A poucos días de conmemorar o 17 de maio, publicamos o debate entre Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística ao redor da inmersión lingüística. Preguntámoslles se é o sistema acaído para promover o galego na escola. ‘Inmersión lingüística en galego nas aulas do país?’.

‘Doce premios culturais para promover a creación’. Desde narrativa a fotografía, de banda deseñada a artes plásticas pasando por textos teatrais, composición musical, fotografía, literatura infantil e xuvenil, ensaio, artes gráficas, grupos musicais e iniciativas culturais pola igualdade de xénero... A creación cultural ten premio na Deputación da Coruña.

SG245Feijóo, contra a parede

‘Nen presidente conseguidor nen presidente reivindicador’. A raíz do debate orzamental no Estado e dos logros do PNV –1.400 millóns de euros a conta do cupo, unha tarifa eléctrica para a industria vasca– perguntámonos que tipo de presidente é Feijóo. É un presidente conseguidor, é un presidente reivindicador ou nenguha das dúas cousas?

Que o grupo político que promove unha iniciativa sexa excluído da delegación do Parlamento galego ao Congreso é legal e regulamentario. Mais non parece que teña a menor racionalidade. ‘Transferencia AP9: o PP si irá ao Congreso, o BNG non’.

Internacional

‘A vitoria segura da dereita’. Na axenda de quen ocupará a Presidencia en Francia inclúese unha nova vaga de recortes e unha dura reforma laboral. As eleccións lexislativas de xuño determinarán se Enmanuel Macron vai contar, ou non, coa maioría parlamentar necesaria para poñelas en marcha.

O discurso reaccionario que foi derrotado na segunda volta das eleccións presidenciais francesas apunta a triunfar, e por ampla marxe, nos comicios lexislativos do Reino Unido. O Partido Conservador, que defende restrinxir de maneira severa a inmigración, case duplica a intención de voto do Partido Laborista, aproximándose a un apoio popular do 50% ‘May axita a bandeira antiinmigración e o Brexit para consolidar o seu liderado’.

SG235b‘A temporalidade que se fai permanente’. Comezamos o ano con 220 mil traballadoras e traballadores temporais sobre unha poboación asalariada que non pasa das 825 mil persoas. Unha relación que sitúa Galiza na cabeza europea en canto a temporalidade laboral, unha realidade que indica como na crise mudou o mercado laboral e a estrutura económica do país, e non precisamente para mellor. En Análise debullamos a situación laboral dos traballadores do mar.

Tamén neste número do semanario, o Fóra de Serie, con consellos, achegas e recomendacións. No selfi-entrevista famos con Iria Veiga, gañadora do XIII Premio a artigos xornalísticos de lingua Concello de Carballo. Alfonso Barreiro tráenos a súa banda deseñada e Bea Gómez lévanos de percorrido polos entroidos do noroeste da Península ibérica. Co colectivo Xea imos por Sarria e a ruta das aceas.

Davide Salvado

Entrevistamos Davide Salvado. Chego a Liúlfe facendo o Camiño ao revés, escoitando e cantaruxando Lobos –o seu último disco-, coa idea de comprobar se é certo que Davide Salvado vive como canta. Compartir conversa con el no seu entorno, no que el chama a súa “coherencia”, permite ir alén da súa imaxe de enfant terrible da música galega, aínda que en ningún momento deixe de selo. “Eu só desexo que a miña obra se entenda e que a xente se emocione’.

‘Un roteiro rosaliano en 1951’. No 40º cabodano de Sebastián Martínez-Risco. Este ano 2017 preséntase pródigo en efemérides vinculadas a vultos principais da nosa cultura, como o centenario da morte de Pondal e o 180 aniversario do nacemento de Rosalía. Mais tamén se fan 40 do pasamento de Sebastián Martínez-Risco Macías (Ourense, 1899-A Coruña, 1977), destacado xurista e escritor que presidiu a Academia Galega desde 1960 até a súa morte; alén de poeta el propio, é autor de varios ensaios en que centra a atención nos nosos vates máis representativos, entre eles Rosalía.

E non faltan as achegas e colaboracións. Xoán Costa, Pilar García Negro, Xavier Queipo, Nachortas e Tokio, Iago Varela, Mario Regueira, Andrés Castro, Freixeiro Mato, Olaia ledo e Iria Misa. 

comentarios