O Sermos repara no legado de Seivane para o mundo da gaita

O caderno deste sábado, que poderás atopar nos quiosques e estabelecementos habituais, así coma na nosa loxa en liña, tamén fala de arte e marxinación con Menchu Lamas e deixa sobre a mesa as loitas contra as empresas de celulosas que gañou o pobo galego.
Imaxe dunha das reportaxes do semanario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das reportaxes do semanario. (Foto: Nós Diario)

Como non podía ser doutra forma, Sermos Galiza non falla na súa cita do sábado coas lectoras e lectores. O número que poderás atopar na rúa mañá mesmo abre cunha interesante reportaxe sobre o legado dun gaiteiro e creador de instrumentos como era Xosé Manuel Seivane. Baixo o título 'Eterno Seivane. Centenario do patriarca', a xornalista Mar Álvarez fai un repaso pola súa vida, as innovacións que aportou ao mundo da gaita desde o seu obradoiro en Cambre, a súa sona internacional...

A entrevista desta semana, 'Menchu Lamas. O cromatismo da diversidade', asinada por Manuel Xestoso con imaxes de Cora Patiño, percorre coa artista puntos chave da súa traxectoria. No diálogo entran desde o feminismo á proxección social das obras, pasando pola simboloxía.

Porén, gran parte da conversa transcorre pegada ao libro nós outras -editado por Chan de Pólvora- no que Lamas e Marica Campo apostar na creación de estratexias para loitar contra a marxinación e o acoso escolar.

Outro dos temas dos que poderás saber máis é das ligazóns da Galiza coa industria da celulosa. 'A Galiza que parou 8 proxectos de celulosas' conta, coas palabras de Cilia Torna, batallas que gañaron as e os veciños de vilas como Ponteceso, Dodro, Foz ou Quiroga. Aliás, non esquece o conflito con Ence na ría de Pontevedra.

Na sección Andar e Ver, o Colectivo Xea composto por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo, abre fronteiras co país veciño para 'Coñecer O Gerês. Río do Conho e Rocalva'. Como é habitual, o semanario tamén fornece un encontro coa literatura, desta vez da man de Mario Regueira e Manuel López Foxo. O testigo cólleno Irene Pin e Fernando Montenegro para descubrir nova música e Andrés Castro fai as propostas cinematográficas da fin de semana.

No apartado de arte Carlos L. Bernardez aproveita que este ano o Día da Ilustración estivo dedicado a Lolita Díaz Baliño para analizar os traballos das profesionais deste xénero.

Aliás, na sección Aquelas galegas, Cilia Torna repara na figura de 'Exeria, unha galera libre no século IV'. Tampouco faltará a ración de pasatempos das mans de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Se queres gozar de todos estes contidos, pide o teu Sermos Galiza -co Nós Diario- mañá nos quiosques ou accede á nosa tenda en liña. De cara a futuros despistes, podes tramitar agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios