María Barcala protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, falamos da recuperación do oso pardo na Galiza e da Praza de Abastos de Compostela, 'o mercado do pobo'.
Extractos do Sermos Galiza que sairá este sábado 28 de maio.
photo_camera Extractos do Sermos Galiza que sairá este sábado 28 de maio.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que protagoniza a entrevista de Montse González a María Barcala, intéprete de Rosalía de Castro na obra Libre coma os paxaros.

"[É] o máis difícil que fixen nunca. Fixera antes moitos monólogos, pero ningún coas dificultades técnicas deste. En Helena: xuízo a unha lurpia, por exemplo, hai un personaxe que se constrúe dun xeito moi agradecido para a actriz, mais en Libre coma os paxaros Rosalía é quen é", explica Barcala.

A recuperación do oso pardo

Sermos deste sábado abre cunha reportaxe de Raquel Besteiro titulada 'Tras as novas pegadas do oso pardo na Galiza', un animal que volve ao país cento cincuenta anos despois dos últimos asentamentos autóctonos.

O proxecto LIFE Oso Courel, nacido para favorecer a viabilidade e expansión do oso pardo na Galiza confirmou máis de douscentos avistamentos entre os anos 2015 e 2018, fronte aos vinte e nove contabilizados entre 1998 e 2005. En total, nos últimos vinte anos contabilizáronse até catrocentos cincuenta avistamentos.

O 'mercado do pobo'

Por outra parte, Antón Escuredo asina a peza 'O mercado do pobo: A Praza de Abastos de Compostela', na que analiza o documental Os segredos do Mercado de Abastos, da arquitecta e investigadora Ruth Varela.

"Temos un coñecemento moi superficial dos elementos urbanos, da cidade onde vivimos", asegura esta arquitecta, que conta como nun curso para nenas e nenos que impartiu no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) descubriu a grande ignorancia que había sobre Santiago e o seu centro histórico.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas Herminio González, que traen as últimas novidades, mentres Fernando Montenegro asina un artigo titulado 'As músicas do pasado que aínda hai que recuperar'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por A Cero.5, de Gonzalo Suárez Garayo, e Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha análise da obra de Bruno Munari. Aliás, Lázaro Armental asina 'Sentirse xa na casa' en Arquitectura.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Cando leo, de Eva Mejuto e Bea Gregores, mentres Manuel Barreiro analiza no apartado de banda deseñada Adeus amigos, de Begoña García-Alén. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da Paradanta, de San Fins ao Chan do Rei, nunha nova edición do Andar e Ver.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios