O Sermos impulsa a figura da fotógrafa Maruja Roca

O semanario inclúe unha entrevista co experto en historia Xosé Manuel Núñez Seixas e unha reportaxe sobre a migración das aves, entre outros interesantes contidos. Poderás atopalo nos quiosques, librarías e na nosa tenda en liña.
Imaxe dunha das reportaxes do Sermos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das reportaxes do Sermos. (Foto: Nós Diario)

A fotógrafa galega Maruja Roca é a protagonista dun novo número do Sermos Galiza, no que tamén se fala de historia, de paisaxes e de cociña. Baixo o título "A fabulación de Maruja Roca", Tensi Xesteira pon en valor a figura desta artista galega pouco coñecida. Con fotos da propia Roca, a xornalista fala do libro "O feitizo de Maruja" no que Nieves Neira rescata parte do seu legado coa axuda de aCentral Folque.

A entrevista desta semana está destinada a facer un repaso por algúns dos episodios do franquismo. Para iso a xornalista Montse Dopico conta co especialista Xosé Manuel Núñez Seixas, que ademáis vén de gañar o XX Premio Ramón Piñeiro. En "Núñez Seixas. A historia heterodoxa", fálase da relación do franquismo coas identidades soberanistas, entre outras cuestións.

Manuel Xestoso asina a reportaxe "Viaxeiras do inverno. Aves nas zonas húmidas galegas", na que se convida ás e aos lectores a reflexionar sobre as migracións e movementos da natureza en contraposición cos confinamentos pola pandemia.

Na sección Andar e Ver, o Colectivo Xea -formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- visita unha ruta pouco explotada para o turismo na comarca das Mariñas. Con eles poderás ir "Entre o Lambre e o Mandeo, da ponte do Poco á ponte do Pedrido".

Mario Regueira e Inma Otero Varela informan das novidades editoriarias e dos libros que quedaran no baúl e que son lecturas obrigadas. Mentres Mauro Borrazás e Andrés Díaz Pazos propoñen delicias musicais para pór banda sonora ao tempo de lecer.

Da sección de Cinema encárgase, como cada sábado, o experto Andrés Castro. Ademais, Anxo Fole idea un menú de fin de semana no apartado de cociña.

Pero se a degustación non fora suficiente, aínda quedan os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa..

Poderás gozar de todos estes contidos mercando o Sermos Galiza que atoparás mañá, xunto co Nós Diario, nos quiosques e na nosa tenda en liña para a súa lectura na nube. Se a preguiza é a túa compañeira, vai sendo hora de que fagas a subscrición!

Comentarios