Sermos Galiza xa é materia de exame cun artigo de Francisco Castro

Un artigo do escritor Francisco Castro publicado na sección de opinión de Sermos Galiza foi motivo do exame de Selectividade na convocatoria de setembro na materia de Lingua e Literatura galega. 

“É unha trola iso de que o pobo máis informado é o pobo máis libre” é o título do artigo de Francisco Castro publicado na sección dixital de Sermos Galiza que tivo que analizar o alumnado que se presentaba nesta convocatoria de setembro ao exame de Selectividade. No seu texto, o escritor cuestiona o espellismo da información producido polas redes sociais. “Non podo evitar ter a sensación de que a meirande parte da cidadanía vive (e paradoxo dos paradoxos, tamén moitos dos usuarios de todos estes medios telemáticos) na máis completa e absoluta desinformación” di no artigo. 

Escritor e presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), Francisco Castro comezou a publicar cando o século iniciaba a súa andaina e entre os seus títulos atópanse “Xeografías”, “Spam” -premio Blanco Amor-, “As palabras da néboa” -premio García Barros-, “O ceo dos afogados” -premio Frei Martín Sarmiento-, “O segredo de Marco Polo” ou “Chamádeme Simbad”. Cada sábado, os artigos de Francisco Castro chegan como unha cita puntual á sección de Opinión de Sermos Galiza, na que colabora desde o inicio do xornal dixital. 

Comentarios