sábado 29/01/22

Sermos Galiza visita ao detalle o novo museo na honra de Cabanillas

No semanario, que estará nos puntos de venda habituais este sábado, atoparás tamén unha entrevista á escritora Rosa Aneiros e unha reportaxe sobre o traballo dos arquitectos Óscar Fuertes Dopico e Iago Fernández Penedo.
Reportaxe sobre o Museo Cabanillas de Cambados. (Foto: Nós Diario) #ramóncabanillas #pepebarro #cabanillas #cambados #museo #sermos #sermosgaliza
Reportaxe sobre o Museo Cabanillas de Cambados. (Foto: Nós Diario)

Tes idea de visitar Cambados nas próximas semanas? Non podes perder unha visita, que vai camiño de ser obrigada cando se chega á vila, na que reparamos no novo número de Sermos Galiza. Pouco despois da estrea do Museo de Ramón Cabanillas, un espazo creado polo deseñador Pepe Barro, o xornalista Manuel Xestoso tivo oportunidade de falar con este último para coñecer máis polo miúdo algúns dos detalles nos que debes reparar cando vaias aló.

En 'Ramón Cabanillas. Un museo luminoso' vas atopar unha fonda reflexión sobre o poeta, xornalista e galeguista -entre tantas outras facetas- a través do espazo promovido na súa honra. A reportaxe, como a galería, ten unha compoñente moi visual.

Aliás, Barro avanza sobre que eixos se asenta a mostra e por que hai palabras como 'Sempre' distribuídas polo percorrido.

A oferta literaria, pouco a pouco

Mais Cabanillas non vai ser o único autor que teña espazo no suplemento, pois Montse Dopico entrevista Rosa Aneiros polo seu regreso á literatura para adultas despois de moitos anos ausente.

A través de 'Rosa Aneiros. O peso da palabra', analizan a novela Sibila (Xerais) e que foi o que pasou nestes doce anos tras a saída do prelo de Sol de inverno. Falan do argumento da obra, na que unha científica atopa unha illa convertida en parque temático para turistas, e dos paralelismos coa realidade, sobre o exilio, o léxico, a muller ou as ditaduras.

Pola súa banda, Iago Valverde dá conta do traballo dos arquitectos Óscar Fuertes Dopico e Iago Fernández Penedo no artigo 'Fuertes-Penedo. Tradición renovada'. Os técnicos explican que procuran integrar os coñecementos tradicionais nas súas ideas pero incluíndo a innovación tecnolóxica.

Unha ampla recomendación cultural

Como seguro que ficas con ganas de máis, o Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- pasean á túa par por 'Ortigueira, un litoral para gozar e aprender'.

Na sección dedicada á crítica literaria vas atopar textos de Mario Regueira e Inma Otero Varela que debullan obras de Xosé Tomás e Ismael Ramos. No recuncho da música Fernando Montenegro achégate ao disco O Camiño, de David Regueiro Quartet, e Andrés Díaz Pazos repara nos 'Vilancicos galegos e América do sur'.

Andrés Castro crea unha interesante escolma cinematográfica na que destaca o filme As cousas que dicimos, as cousas que facemos no que queda sobre a mesa o caos do amor. E antes ou despois de achegarse ás salas está a opción de seguir os pasos de Anxo Fole na cociña e preparar ensalada de cuscús, arroz negro con luriñas e unha boa sobremesa con sabor a limón. Para rematar, Xerardo R. Roca e Xoán Costa deixan un reto intelectual cos seus pasatempos.

Queres acompañar a túa fin de semana con todos estes contidos? Procura o Sermos Galiza, que estará dispoñíbel este sábado co Nós Diario, nos quiosques ou na nosa loxa en liña. Para acelerar os trámites recomendamos facer a subscrición agora mesmo!

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Sermos Galiza visita ao detalle o novo museo na honra de Cabanillas
comentarios