Sermos Galiza une dous símbolos do país: Rosalía e a bandeira

O semanario tamén inclúe unha ampla entrevista coa mestra e autora de literatura infantil Helena Vilar Janeiro e desvela que hai tras o 'Arquivo Pacheco'. Se queres gozar de todos estes contidos, atoparás a publicación mañá nos puntos de venda habituais xunto co 'Nós Diario'.
Imaxe da reportaxe de apertura do semanario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da reportaxe de apertura do semanario. (Foto: Nós Diario)

Xa case é sábado. Marca na axenda ou no almanaque que mañá sae á rúa un novo número do Sermos Galiza, que nesta ocasión abre a edición cun texto no que une ao tempo que contrapón dous elementos característicos do país dos que presumen galegas e galegos: a autora Rosalía e a bandeira.

Baixo o título 'Rosalía de Castro e a bandeira da Galiza. A confluencia de dous símbolos', Xoán Costa fala de rexionalismo e analiza a coincidencia dos símbolos a partir da aparición da bandeira na exhumación do corpo da autora, que en 1891 foi trasladada desde o cemiterio de Adina ao de Bonaval.

A entrevista desta semana é á mestra e escritora de literatura infantil Helena Vilar Janeiro. Montse Dopico titula 'Vilar Janeiro. Tesón e luz' para dar paso a varias páxinas nas que comparte reflexións sobre a literatura, o uso do galego, o papel das escolas na creación do hábito da lectura. Tamén teñen espazo as obras e as redes sociais.

O xornalista Manuel Xestoso asina a reportaxe 'Arquivo Pacheco. Imaxes para a (des)memoria)'. No texto repasa toda a historia deste estudo fotográfico de Vigo que foi cambiando ao tempo que o facía a sociedade.

Desde aquel ano 1884 no que abriu na rúa Príncipe até que chegou a un acordo co Concello olívico para transmitir o legado que supón un fondo fotográfico de máis dun século da cidade.

Esta semana o Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- levante canda eles 'De Viveiro a Punta Pardiñas' nun itinerario para andar e ver, sen excesiva dificultade.

Para o tempo de lecer facémosche algunhas sabias propostas do puño e letra de Mario Regueira e Manuel Barreiro (Libros); Olga Brañas e Mario Vilariño (Música) e Andrés Castro (Cinema). Ademais, o deseñador Pepe Barro dedica a sección de Deseño a Víctor Moscoso co título 'Viva Moscoso!'.

A análise arquitectónica das cidades corre pola conta de Lázaro Armental e o seu texto 'Sensual e urbano'. E para finalizar, contarás cos pasatempos ideados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Por certo, neste número revelamos cal vai ser o noso novo coleccionábel para o mes de xullo.

Tes tanta emoción por comezar a ler que case non es quen de agardar até mañá? Tranquilidade. Podes mercar o Sermos Galiza xunto co Nós Diario na nosa tenda en liña ou, a partir de mañá, nos quiosques e outros puntos de venda habituais. Para non verte nestes apuros, recomendámosche que fagas a subscrición agora mesmiño!

Comentarios