Sermos Galiza trae á actualidade a obra de Berta Cáccamo

No novo número de Sermos Galiza debúllase a historia dos case esquecidos Mártires de Carral e o escritor Xosé Manuel Sánchez Rei analiza o portugués a partir do seu último libro. Queres gozar de todos estes contidos e máis? Non deixes de mercar o semanario que atoparás este sábado nos quiosques e na nosa loxa en liña.
Apertura da reportaxe sobre Berta Cáccamo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Apertura da reportaxe sobre Berta Cáccamo. (Foto: Nós Diario)

Estabas agardando unha nova edición do Sermos Galiza para buscar novos temas de conversa? Tes sorte pois esta sábado o semanario chega cargado de historia, arte e lingua.

O tema que se leva á capa é o legado artístico que deixou a pintora Berta Cáccamo á súa morte ene 2018. Manuel Xestoso analiza en ‘Berta Cáccamo. A volta dunha pintora imprescindíbel’ a súa obra, o seu percorrido como creadora e a súa caída en certo esquecemento até agora.

Faino da man de Juan de Nieves, comisario e estudoso a cargo da obra da pintora e de organizar o seu arquivo. A partir desa documentación e pinturas atopadas van tecendo unha análise artística.

O esquecemento como eixo condutor

Ademais, o xornalista Xosé Barros asina ‘Os esquecidos de Carral’, unha achega da memoria histórica para darlle valor a aquelas 11 persoas que foron represaliadas na vila pola súa loita contra o réxime ditatorial de Ramón María Narváez.

Pola súa banda Montse Dopico entrevista o docente, escritor e músico Xosé Manuel Sánchez Rei. Ao abrigo do titular ‘Sánchez Rei, O portugués como espello’, analizan unha lingua lusa que foi quedando polo camiño do progreso. O eixo central da conversa é a publicación do ensaio O portugués esquecido por parte do autor.

Para todo tipo de público

Mais nesta ocasión o que non fica sen repasar son as propostas literarias, musicais, cinematográficas e mesmo teatrais. Antes, iso si, hai que ir pasear ‘O litoral de Pontedeume’ con Mon Daporta, Xan Colazo e Adela Leiro (Colectivo Xea).

Na sección de libros, Mario Regueira analiza A cidade do átomo de Iria Misa e Susana Sanches Arins repara no título A rapaza de tinta e estrelas, unha obra de Kiran Millwood traducida ao galego por Moisés Barcia.

No que á música se refire, Belém Tajes aposta en bandas como Chicharrón, que fornecen novas perspectivas á escena galega e César Morán conecta cos sons do rural a través de ‘O clarinete de Aquilino’.

Na escolma de cinema de Andrés Castro destaca o documental Negro púrpura, dirixido polas galegas Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva e producido por Illa Bufarda. Aliás, Manuel Xestoso analiza a chegada aos escenarios de A lúa vai encuberta, de Manuel María, coa montaxe das compañías A Quinta do Cuadrante e Incendiaria. Fechan a oferta de lecer os pasatempos ideados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Que é o que tes que facer para gozar de todo isto? Vai ao quiosque ou accede á nosa tenda en liña este sábado para mercar o Sermos Galiza que acompañará Nós Diario. Aínda non es subscritora ou subscritor? Deixa de agardar e faino agora!

Comentarios