'Sermos Galiza' analiza este sábado unha década do novo cinema galego

Aliás, entrevistamos Begoña García-Alén, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2020.
Montse González abre o 'Sermos' deste sábado coa súa reportaxe sobre o novo cinema galego.
photo_camera Montse González abre o 'Sermos' deste sábado coa súa reportaxe sobre o novo cinema galego.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o suplemento semanal Sermos Galiza, que abre cunha reportaxe de Monste González titulada 'Unha década de novo cinema galego'.

Nesta peza, partindo do ensaio Lume na periferia —coordinado por Xosé Nogueira—, analiza como o cinema galego se situou nos últimos anos "no mapa do cinema internacional", algo que contrasta co aspecto negativo que protagonizou este período: "Unha certa visión, por parte das institucións, do Novo Cinema Galego como unha sorte de creación cinematográfica de segunda".

Entrevista a Begoña García-Alén

A entrevista desta semana corre a conta de Manuel Barreiro, que fala con Begoña García-Alén, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2020 coa obra Adeus amigos, na que conta o estraño caso da desaparición do artista Bas Jan Ader nos anos setenta.

"Unha cousa que me encanta da banda deseñada é que con moi poucas cousas ti podes entender, unha atmosfera, un contexto, o que queres dicir; entón intento chegar ao núcleo diso", conta a autora.

Análise da estanflación

Por outra parte, Rubén Cela asina a análise 'Próxima parada: estanflación?', na que aborda este fenómeno que se define como a combinación de altas taxas de inflación con baixa taxas de crecemento e alto desemprego.

"Algunhas das medidas que se poden tomar no curto prazo serán tan só parches. Porén, de existiren ou non, pode ser a diferenza entre poder saír adiante -aínda que sexa malamente- ou fechar a persiana definitivamente", apunta Cela.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belém Tajes e Herminio González, que traen as últimas novidades, e César Morán, cun artigo titulado 'A música da fala: a força destrutiva da língua imposta'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Drive my car, de Ryûsuke Hamaguchi, mentres Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena unha reseña da obra Morte accidental dun anarquista, da compañía Talía Teatro.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Eternity, de Xosé Monteagudo, mentres Susana Sanches Arins analiza Dúas moedas, de Núria Tamarit. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da riqueza da costa de Malpica de Bergantiños.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros!

Comentarios