'Sermos Galiza', á venda este sábado cun especial sobre Florencio Delgado Gurriarán

Con motivo do Día das Letras Galegas, 'Sermos Galiza' edita un número especial sobre Florencio Delgado Gurriarán, o poeta e activista homenaxeado este ano. O monográfico 'O poeta da resistencia no exilio', de 40 páxinas, nunha coidada edición, publícase este sábado día 14, canda o Nós Diario por só tres euros.

Detalles da capa do 'Sermos Galiza' deste sábado sobre Delgado Gurriarán.
photo_camera Detalles da capa do 'Sermos Galiza' deste sábado sobre Delgado Gurriarán.

O semanario Sermos Galiza explora as dúas vocacións de Florencio Delgado Gurriarán —a poética e a política— cun especial de 40 páxinas que recolle distintas visións sobre unha personalidade caracterizada polo compromiso, ben desde a acción cívica e política, ben desde a actividade literaria.

Dúas facetas inseparábeis que se entrecruzan constantemente e que converten Delgado Gurriarán, o homenaxeado polo Día das Letras Galegas de 2022, nunha das personalidades máis atractivas e representativas dunha parte da nosa historia na que aínda queda moito por afondar.

O especial de Sermos Galiza non pretende dar conta dunha traxectoria que precisaría de varios volumes para ser considerada con xustiza, mais si chamar a atención sobre certos aspectos da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán que poden iluminar os pasos básicos dun percorrido vital que recolle varias das constantes históricas da Galiza de mediados do século XX.

Así, Miro Villar resume a contribución de Gurriarán a través de Saudade e de Vieiros, un exemplo da afervoada defensa da lingua e do ideario galeguista que sempre mantivo o poeta ao longo da súa vida.

De igual maneira, o crítico e historiador da literatura Xosé Ramón Pena afonda nalgúns aspectos da poesía mexicana do autor. Débora Álvarez Moldes, pola súa banda, reconstrúe os vínculos da poesía de Gurriarán coa súa terra natal de Valdeorras.

Reportaxe de Débora Álvarez.
Reportaxe de Débora Álvarez.

A xornalista Cristina de la Torre dará a súa visión sobre a recuperación contemporánea da figura do autor homenaxeado este ano, mentres que Montse González conversa co cantautor Anxo Rei, o primeiro divulgador da súa poesía.

Finalmente, Manuel Xestoso entrevista a Ricardo Gurriarán, parente e principal biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, para dar unha visión de conxunto da vida do autor.

O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 14 de maio. As 40 páxinas ao prezo de sempre do semanario, tres euros xunto ao teu exemplar do xornal. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.

Comentarios