Ugia Pedreira, protagonista do 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, analizamos a "xeración perdida do 36".
Montse González entrevista Ugia Pedreira no novo número do 'Sermos Galiza'.
photo_camera Montse González entrevista Ugia Pedreira no novo número do 'Sermos Galiza'.

"Sinto os espazos, as paisaxes, de maneira muito intensa. Determinan o meu ánimo e movemento. Este horizonte cravóuseme nos ollos e esta vía marítima relacional do eixo Cantábrico foi e é unha realidade". Con estas palabras presenta a artista Ugia Pedreira o seu novo disco, 'Segmento cantábrico', na entrevista que lle fai Montse González para o número do semanario Sermos Galiza deste sábado, 12 de marzo.

Nesta obra, Pedreira mestura diferentes variedades do galego, do eo-naviego ao galego anterior á normativa ILG-RAG, así como a variante reintegracionista. "O disco foi feito ao abeiro da convocatoria do Xacobeo FX21 e cumprindo a legalidade normativa que se pedía nesta convocatoria. Aceptaron o galego de Asturias. Hai dous temas nele e supoño que se albisca o meu nato reintegracionismo en esencia", sinala.

Este novo número do Sermos abre cunha reportaxe do xornalista Xosé Barros sobre a xeración perdida do 36: "Cine contra a desmemoria".

Nesta peza lémbranse figuras relevantes do nacionalismo galego como Ánxel Casal, Brígida Muñiz ou Alfredo Suárez Ferrín. Aliás, pon o foco no documental dirixido por Xosé Antón Moure que busca a recuperación dos seus nomes e os doutras persoas coma eles, "que quixeron borrar da memoria".

Por outra parte, Iago Valverde fala na reportaxe "Hábitat social: terra" sobre o papel que xoga na arquitectura un elemento tan básico como a propia terra, a través do caso do estudo de arquitectura 'Hábitat social', que está a recuperar este material.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Fernando Montenegro e Herminio González, que traen as últimas novidades, e Alejo Amoedo, cun artigo titulado "Antonio Odriozola: paixón pola música e admirador de Prokófiev".

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por A filla escura, de Maggie Gyllenhaal, mentres Anxo Fole ofrece na sección de Cociña un menú de fin de semana: "Verdura e peixe para despois do Entroido".

Noutra orde, Mario Regueira fala na sección 'Libros' de 'A crebeira Marabillas', de Olaia Sendón, mentres Inma Otero Varela analiza a obra 'Simún', de Nuria Vilán Prado. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da riqueza do Pico Sacro en 'Andar e ver'.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros!

Comentarios